CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Javier Touza: "Estamos probando alternativas ao gasóleo, pero serán os nosos fillos ou os nosos netos quen o vexan"

21/09/2021 - 08:16 h

O presidente da Asociación de Armadores de Vigo (ARVI), Javier Touza, di que "hoxe é absolutamente imposible" substituír os motores de gasóleo dos barcos de altura e de grande altura. Explicou que levan anos investigando en varias liñas para cambiar a gas ou a hidróxeno, pero o tamaño dos depósitos necesarios e a falta de subministración nas zonas de pesca para poder recargar fai inviables os proxectos. É por iso que Touza, que onte participou nunhas xuntanzas co comisario europeo de Pesca, insiste en que non se pode impoñer un novo imposto sobre o gasóleo porque faría inviable o sector. As alternativas como o gas, dixo no 'Galicia por diante', non son válidas.

"Hoxe é absolutamente imposible polas dimensións que terían que ter os barcos e porque necesitariamos subministración noutros caladoiros de lonxe e non existe esta subministración. Co tempo, segundo vaia avanzando a técnica, si estamos dispostos a construír novos barcos ou adaptar os existentes a estas novas fontes de enerxía, pero hoxe é absolutamente imposible".

"Estamos probando diferentes fontes. Temos moita confianza no hidróxeno, pero probablemente esas alternativas serán os nosos fillos e os nosos netos os que poderán velas. Temos moita concienciación polos impactos que se poden producir polo cambio climático na pesca, pero estamos reducindo os gases coa maior eficiencia dos nosos motores".

Javier Touza, xunto co resto do sector, tamén lle pediu ao comisario que haxa máis controis sobre os produtos pesqueiros procedentes de terceiros países, aos que acusa de competencia desleal.

"Nós somos os mellores do mundo, pero sempre que haxa as mesmas regras".

"Queremos que as importacións que proceden de terceiros países cumpran as mesmas normas. Ese cumprimento destes requirimentos é moi caro. Se as nosas empresas están a loitar no noso mercado nunha situación de desigualdade con outros axentes do exterior que non cumpren esas normas, estamos nunha clara situación de desvantaxe".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia