CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ethel Vázquez: "Preocúpanos que Renfe non contemple recuperar os servizos ferroviarios suprimidos durante a pandemia"

21/10/2020 - 08:20 h

A conselleira de infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, acusa a Renfe de non contemplar a recuperación dos servizos ferroviarios suprimidos durante os primeiros meses do estado de alarma.
Nunha entrevista no Galicia por diante, Vázquez lamentou a falta de consideración de Renfe con Galicia e afirmou que estaba dando mal exemplo como servizo público, empregando exclusivamente criterios de empresa privada baseados na oferta e a demanda para decidir sobre o número e a frecuencia dos convois. A conselleira de Infraestruturas cre que RENFE está utilizando o "río revolto" da pandemia para reducir o servizo ferroviario en Galicia.

Por outra banda, Ethel Vázquez lamentou tamén que o Goberno do Estado non informe a Xunta sobre o estado dos treitos que faltan para completar a alta velocidade entre Galicia e Madrid. Vázquez desconfía de que se poña en marcha próximamente o tramo entre Zamora e Pedralba de la Pradería e asegura que "todo son incógnitas" en relación cos prazos de posta en marcha das infraestruturas de Alta Velocidade.

A conselleira confirmou que a Xunta está disposta a asinar o proxecto da estación Intermodal da Coruña, pero lamentou que a presidnta de ADIF non estivera presente onte na xuntanza entre o concello coruñés, a Xunta e ADIF para avanzar no proxecto.

Ademais, Ethel Vázquez anunciou que a Xunta solicitou unha reunión co Goberno para abordar o Corredor Atlántico de Mercadorías e o acceso a fondos europeos para esta infraestrutura. Tamén lle pediu ao executivo central a creación dun Comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico, a semellanza do que xa existe para o Corredor Mediterráneo, para coordinar os proxectos susceptibles de ser financiados con fondos comunitarios.    

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia