Galicia por Diante
Roberto González (SUP-Galicia): "Os responsables do dispositivo policial terán que asumir as súas responsabilidades"
O secretario xeral do Sindicato Unificado da Policía en Galicia, Roberto González, cre que houbo decisións erróneas por parte dos mandos policiais que dirixen o operativo en Cataluña e que teñen responsabilidade na situación dos axentes feridos, polo que agarda dimisións cando a situación se calme.
Nunha entrevista no Galicia por diante, o responsable do SUP en Galicia opinou tamén sobre a intención da asociación JUPOL de denunciar o ministro do Interior. Neste sentido, sinalou que o SUP solicitou unha entrevista con Grande-Marlaska á que aínda non teñen resposta e aclarou que irán aumentando a intensidade das súas reclamacións.
González falou do estado médico do axente de Vigo que está ingresado con prognóstico moi grave e informou de que o parte médico desta mañá constata unha lixeira melloría.
O responsable do sindicato policial destacou tamén que moitos dos 170 axentes galegos despregados en Cataluña levan traballando 30 días sen descansos, ás veces en xornadas de 19 horas, e anunciou que algúns con base na Coruña serán substituídos mañá.