Galicia por Diante
Cataluña, unha semana despois
Penso que, unha semana despois da sentenza, imponse un pequeno balance do que pasou. Como escribe hoxe o diretor de La Vanguardia, non foi a 'Semana tráxica', pero paréceselle. Houbo a violencia que coñecemos, con 288 policías feridos, entre eles o de Vigo, de máxima gravidade. Houbo noites de caos e lume, que fixeron dicir que ardía Barcelona. Houbo casos de roubos en tendas e houbo sensación de desolación. E agora agardamos todas as noites a ver que pode pasar.
Pasada unha semana, hai que pensar se hai solucións políticas, pero non sabemos cales poden ser. Agora estamos na construción do que se chama "o relato". É dicir, pola banda independentista trátase de demostrar que a policía foi culpable de todo e non tivo un comportamento proporcional, cousa que malamente se pode soster despois de ver a agresividade dos violentos. Pola parte do Goberno central trátase de reducir todo a un conflito de orde pública. E o que todos vemos, eu polo menos, é un intento de aproveitar a sentenza para agravar a demanda de independencia. Por iso o señor Torra se resiste a condenar os feitos e anda nas medias palabras.
Despois aparece, coma sempre, a demanda de diálogo e negociación. Pere Aragonès, por exemplo, falaba onte de negociar o referendo e a amnistía. É evidente que a súa intención non é negociar, senón impoñer, tanto a amnistía coma o referendo. E a novidade de hoxe é que Iceta, do PSC, lle di a Torra que o primeiro que ten que facer é negociar cos partidos políticos cataláns, cousa que Torra malamente fará, porque el quere negociar de Estado a Estado.
Para min, o peor da situación é que os partidos que defenden a Constitución están divididos. Fálase moito da división dos independentistas, que é certa, pero a min o que me preocupa é a división dos constitucionalistas. Rivera quere meter no cárcere os dirixentes 'indepes', que é o mesmo que pedía Abascal hai uns días. Casado critica duramente a Sánchez, e eu penso que isto non fai máis que complicar a que se pode chamar a 'tormenta perfecta', porque non é doado separar as respostas políticas das posicións electorais. Como parece que as enquisas premian as posicións de dureza, veremos un agravamento da división ata o 10 de novembro. Enfrontamento na rúa, movemento de masas e división na oferta de solucións ou de resposta non é mellor panorama, benquerido Valiñas. E menos, cun Torra que promete facer un referendo e unha Constitución.