CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alfonso Rueda: "É necesario reformar o sistema do voto emigrante"

21/07/2020 - 08:14 h

O vicepresidente da Xunta en funcións e presidente do Partido Popular de Pontevedra asegurou esta mañá no Galicia por diante que cómpre acometer reformas para que os residentes galegos no exterior poidan votar con facilidade en próximas citas coas urnas.

Alfonso Rueda respondía así ante os problemas cos que se atoparon moitos electores galegos no exterior que solicitaron o voto para as eleccións autonómicas do pasado 12 de xullo, pero que non puideron chegar a exercer o seu dereito. O vicepresidente da Xunta en funcións sinalou que "houbo sacas de votos que quedaron no aeroporto de Baraxas. Nas semanas previas ás eleccións, Correos xa nos comunicou que sería moi difícil que galegos residentes en Cuba, na Arxentina ou en Venezuela puidesen votar". Neste sentido, avanzou que seguirán pedindo que se aclare que pasou con eses votos e cal é o seu destino.

O voto da emigración que unha vez contabilizado fixo que o PP lograse un deputado máis, o número 11 pola provincia de Pontevedra arrebatándollo ao PSOE, co que o resultado electoral definitivo eleva a 42 os deputados conseguidos polos populares, deixa en 19 os do BNG e rebaixa os do PSOE aos 14.  Alfonso Rueda considera que "este deputado máis reforza unha maioría absoluta histórica que amosa ben ás claras que Galicia volveu confiar no proxecto do PPdeG".

O vicepresidente da Xunta en funcións tamén se referiu na Radio Galega aos casos positivos de coronavirus detectados no equipo de fútbol do Fuenlabrada que se atopa na Coruña, no hotel Finisterre. Alfonso Rueda explicou que se está seguindo o protocolo de saúde pública e que se tomarán as medidas que se teñan que tomar con independencia de que se trate de xogadores de fútbol. Ademais, demandou do Goberno central un protocolo a nivel nacional para coordinar os desprazamentos pola península.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia