CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A xeopolítica científica

21/05/2019 - 07:35 h

 

Comezamos falando de xeopolítica científica, ademais cun tema recorrente nos últimos meses: a colonización chinesa da ciencia a nivel global. A revista Nature trae nas súas páxinas un artigo de análise que desvela o peso que está a gañar A China na ciencia dos países suramericanos; pon como exemplo unha estación de control espacial que se está construíndo na Arxentina con bastante secretismo, investimentos para poder acceder ás redes de telescopios en Chile (alí teñen xa de feito a CASSACA, a Chinese Academy of Sciences South America Center for Astronomy), ou mesmo alianzas, como a da Academia Chinesa de Ciencias co Instituto de Investigación Espacial do Brasil, que inauguraron en São Paulo o China–Brazil Joint Laboratory for Space Weather. Segundo se deduce das entrevistas que fan a responables suramericanos, todos se decatan de que este desembarco ten unha clara visión a longo prazo.

Ao fío disto, contarei unha anécdota: nunha semana contactei con dous Nobel, de campos diferentes, e dixéronme que estaban creando sucursais dos seus laboratorios na China (intúo que grazas a unha oferta económica mareante).

Segue alterada a actividade nas teorías científicas sobre a extinción dos dinosauros hai 65 millóns de anos (recordaremos a principal teoría, a do meteorito), logo da publicación de dous artigos que suxerían que en parte podería vir derivada dunhas macroerupcións na India. Agora acaba de anunciarse o descubrimento duns restos que poderían estar dando unha fotografía bastante precisa de como foron os instantes posteriores á caída do meteorito na península do Yucatán.

Comentamos unha investigación aparecida en Nature no eido medioambiental: dous terzos dos ríos maiores de 1000 km do mundo non flúen con liberdade. O terzo que falta está en rexións polares ou en certas zonas tropicais.

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia