CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Patxi López, precandidato ás eleccións á presidencia do PSOE

21/04/2017 - 08:18 h
Patxi López, precandidato ás eleccións á presidencia do PSOE

O socialista Patxi López asegurou nunha entrevista no "Galicia por diante" que non retirará a súa candidatura nin a fusionará coa doutro precandidato. Confirma que "haberá unha papeleta o 21 de maio que poña Patxi López e que signifique unir o partido e que signifique un proxecto de esquerdas, absolutamente seguro. É verdade que ás veces semella máis visible o choque de trens entre Pedro Sánchez e Susana Díaz, pero hai unha maioría de militantes que non queren ese choque de trens porque non evita a división, senón que a mantén. En lugar de votar para dividir, para ver como nos enfrontamos, hai que votar para unir". 

Advirte de que "se seguimos divididos, dará igual quen gañe as primarias, porque imos perder todos e polo tanto temos que poñer toda a nosa vontade política para volver unirnos". Reivindica que o seu compromiso é o de unir o partido e apunta que "se son secretario xeral, chamarei ao resto de candidatos para nos sentar nunha mesa e dicir 'acabouse a broma'", e engade que que un dos seus obxectivos será "ver como sumamos, como integramos as distintas sensibilidades e vontades que hai neste partido. E, se non son secretario xeral, tamén chamarei ao que gañe para me poñer á súa disposición, pero non para integrar a Patxi López, que iso é o de menos, senón para axudar a sumar e integrar, que é o que necesitamos. A unidade no PSOE xa non é unha opción; é unha obriga". 


Advirte de que o PSOE non pode saír deste proceso cun "congreso frustrado como noutras ocasións" e di que "dos últimos congresos saímos con aparencia de unidade, pero no fondo non existía. O que non pode ser é que o que non gañe organice unha especie de oposición interna á nova dirección. Por iso eu prefiro direccións e executivas compartidas que recollan distintas sensibilidades para facelas máis fortes e máis representativas. Eu non quero ser secretario xeral para cargar a ninguén; ao revés, quero ser secretario xeral para sumar a todo o mundo". 

Patxi López, que estivo xa en varias ocasións en Galicia dende que presentou a súa precandidatura, di que a militancia galega quere o mesmo que a do resto de España, que é "recuperar o PSOE, unilo e saír á rúa cun proxecto que volva ilusionar e que sexa a esperanza para a maioría progresista deste país". 

O precandidato socialista á secretaría xeral cre que o PSOE ten que "definir o noso propio proxecto nunha esquerda clara, nítida e alternativa á dereita. O noso obxectivo non é pactar con Podemos, senón gañar ao PP". Admite que non estaba a favor de absterse na investidura de Rajoy. Con todo, insiste en que foi unha decisión adoptada polo partido, de xeito democrático, que tivo que acatar. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí