CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Seguridade Social en Euskadi

21/02/2020 - 07:38 h

Esta historia da cesión da xestión a Euskadi ten moitas interpretacións. Para min, basicamente dúas. Unha é boa: xestionar as contas da Seguridade Social desde unha autonomía ten a vantaxe da proximidade aos beneficiarios. Sobre esa base de achegar as administracións públicas ao pobo montouse o Estado das Autonomías e non saíu mal. Se a cesión desa competencia ao Goberno vasco non viola o principio de Caixa Única que establece a Constitución, non hai nada que opoñer.

Pero a min preocúpanme algunhas cousas.

Primeira: esa competencia figura no Estatuto de Autonomía de Gernika, que foi aprobado no ano 1979. É dicir, hai 41 anos. Nese tempo, o PNV reclamouna sempre, cada vez que fixo algunha negociación co Goberno de Madrid. Nese tempo tamén foron presidentes Suárez, Calvo-Sotelo, González, Aznar, Zapatero e Rajoy. E ningún deles quixo traspasar a xestión da Seguridade Social. Tampouco a dos cárceres, por razóns que se entenden, dadas as demandas dos presos de ETA. Se ningún presidente quixo acceder a esa petición nacionalista, algo malo debe ter.

Segunda: as conversas entre o PNV e o PSOE celebráronse no marco das negociacións para obter o voto nacionalista para a investidura e para os vindeiros presupostos do Estado. Sería moi penoso que a cesión dun instrumento de vertebración nacional se fixese a cambio dunha necesidade persoal ou de partido.

Terceira: o País Vasco non ten ningún dereito histórico nesta materia que lle dea vantaxes sobre o resto das autonomías, porque a primeira Seguridade Social é do ano 1940, e a que coñecemos hoxe é do ano 1967. Euskadi está nas mesmas condicións que Galicia ou calquera outra comunidade. Polo tanto, é un trato de privilexio.

Cuarta: o País Vasco é o territorio que ten as pensións máis altas. Pero é tamén onde máis protestan os pensionistas, todos os luns de manifestación en Bilbao. Teño unha curiosidade: vanlles negar a suba que piden, que é unha pensión mínima de 1.080 euros?

E quinta: Se se lle dá a xestión ao País Vasco, a ver quen lla nega a Cataluña, agora que se vai empezar a xuntar a mesa de diálogo entre os gobernos catalán e español. E, xa metidos en cesións, a ver quen llela nega ás demais autonomías. Imos ter, benquerido Valiñas, dezasete xestións diferentes dos recursos económicos da Seguridade Social? Eu xa non o descarto. E todo iso, sen deseñar un novo modelo territorial.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia