Galicia por Diante
Como se diferencia o ADN dos xemelgos?
Hoxe Ángel Carracedo falaranos das novas técnicas de xenómica forense que nos permiten atopar diferenzas mesmo en xemelgos monozigóticos. Nos casos criminais nos que o sospeitoso ten un irmán xemelgo, as probas de ADN eran descartadas, e non se podían utilizar para incriminalo, polo que se non había máis probas, este quedaba en liberdade.
Agora, unha empresa estadounidense desenvolveu unha técnica que permite distinguir o ADN de dous irmáns xemelgos monozigóticos. A técnica é tan precisa e fiable que é capaz de detectar da orde de seis mutacións que sexan distintas entre o ADN dos irmáns, aínda que todas as demais bases do xenoma sexan idénticas.
Na división mitótica que divide o zigoto en dous e que dará lugar aos dous irmáns xemelgos, prodúcense unhas seis mutacións por “fallos” da maquinaria de replicación do ADN. Pois esas 6 mutacións poden ser detectadas por esta técnica, aínda que sexa o único que diferencie aos xenomas dos irmáns xemelgos, e pódese utilizar como proba nun xuízo.