CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Manuel López Marín, presidente da Federación Galega de Autoescolas: "Ten que haber cursos periódicos e gratuítos para aprender as novas tecnoloxías e as novas normas"

20/11/2019 - 08:25 h

O presidente da Federación Galega de Autoescolas, José Manuel López Marín, afirma que a chegada de novas tecnoloxías aos coches está deixando moitos condutores sen os coñecementos necesarios para o seu uso. Ás veces, di, que os usuarios vaian examinando eses aparellos e aprendendo mentres conducen supón un gran perigo.

"Hai que aprender esas novas tecnoloxías e debería implantarse unha renovación de coñecementos, que a min a palabra reciclaxe non me gusta, periódica, voluntaria ou obrigatoria, pero, evidentemente, gratuíta. É importante que a xente se vaia actualizando con respecto aos novos sinais, ás novas normas e máis aínda, sobre todo, en actuacións posteriores ao que é un accidente: saber o que hai que facer ou non facer coas vítimas ou coas persoas que teñamos que auxiliar".

López Marín tamén dá por bo o proxecto co que traballa a Dirección Xeral de Tráfico para facer obrigatorio que, para sacar o carné de conducir, haxa que asistir a un mínimo de 8 horas de clases, "non só para memorizar preguntas e respostas", senón para adquirir verdadeiros coñecementos a cargo dunha persoa cualificada, segundo dicía López Marín.

E puxo exemplos: "Non hai que falar da composición das drogas, senón dos efectos e dos perigos que supón para a condución". Ademais, insistiu en que cómpre destacar diante dos aspirantes a obter o carné os riscos do alcol e do uso do móbil ao volante.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia