CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A sentenza dos ERE

20/11/2019 - 07:40 h

Non me atrevo a dicir que esta sexa a sentenza máis esperada, porque está aí, tan recente, a sentenza do procés. Pero tamén marca un antes e un despois, como tantas decisión xudiciais. Hai un consenso xeral na opinión publicada de que é unha sentenza dura. E, se teño que escoller algún titular xornalístico, quedo co que di que é un golpe moi forte á anterior cúpula do PSOE andaluz.

Dende o punto de vista xurídico, quedan claras algunhas cousas. Primeira, que houbo un descontrol absoluto na concesión de axudas a empresas en crise. Todo empezou sendo unha acción case solidaria, e acabou nun dispendio que pode ser interpretado como unha malversación na que corrían os cartos de xeito naturalmente delituoso. A segunda, que segundo o tribunal, unha cousa así non se fai sen coñecemento do Goberno andaluz e dos presidentes e dos conselleiros. Esa convicción do tribunal é a que levará a prisión a Griñán, se o Supremo non di outra cousa. Non se entende moi ben que non houbese a mesma pena para Chaves, porque o sistema púxose en marcha no seu mandato. Debe ser que Griñán, como conselleiro de Economía e Facenda foi o autor material do sistema, aínda que despois empeorou. E a terceira é que non se descubriu ningún caso de enriquecemento persoal dos 21 xulgados. O que houbo foi o amentado dispendio e un descontrol absoluto. É unha corrupción distinta a outras que coñecemos.

Dende o punto de vista político, agora ábrese a batalla de sempre: ata que punto se pode facer responsable a Pedro Sánchez se daquela era un concelleiro no Concello de Madrid? Pode dicir e di por boca de Ábalos, o mesmo que di Pablo Casado perante as vellas corrupcións do PP: que el non tivo nada que ver. Pero iso non impide que os partidos do centrodereita se lancen sobre el, porque está no libro de estilo. Tampouco Rajoy está condenado pola Gürtel, pero unha sentenza parecida valeu para presentar e gañar unha moción de censura. A presión sobre Sánchez vai ser moi forte, porque el fixo moita presión, e séguea facendo, sobre o PP, ao que lle chama partido corrupto.

Non teño nin idea de se pode prexudicar a coalición. No que depende de Pablo Iglesias, non, porque o líder de Podemos xa se pronunciou situando o escándalo nos tempos pasados. Pero non axuda a que Esquerra apoie a investidura.

Isto é o substancial da sentenza. Deixémolo por hoxe, benquerido Valiñas, en tres conclusións: xa se sabe cantos foron os fondos do escándalo: 680 millóns, en gran parte dedicados a bos fins. Esquilmouse a caixa da Junta de Andalucía e quizais se axudou a soster o modelo clientelista. E o Partido Socialista tense que dispoñer a pagar un alto prezo porque, aínda que sexa pasado, nunca se viu tal manexo de cartos enganando o propio orzamento, burlando os controis e anulando os mínimos principios éticos da gobernación.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia