CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ana Pontón reclama a cesión do 90 % da recadación de impostos no novo modelo de financiamento autonómico

20/10/2021 - 08:18 h

A portavoz nacional do BNG avoga por un modelo de financiamento descentralizado que lle permita á comunidade xestionar a maioría dos cartos que recada. Agora, Galicia ten cedido o 50 % da recadación do IVE e do IRPF e Pontón lembra que incrementar a cesión ata o 90 % "suporía 4.000 millóns máis de euros cada ano para financiar a nosa sanidade, a nosa educación ou un novo modelo de residencias, ademais de ter recursos para xerar emprego e acabar coa emigración".

Nunha entrevista no Galicia por diante, Ana Pontón pediulle ao presidente da Xunta e ao PSOE que abandonen a visión centralista que, dixo, lastra a nosa comunidade.

No día en que se conmemoran os 40 anos das primeiras eleccións autonómicas, Pontón pediu tamén que se aumente a capacidade de autogoberno coa transferencia das competencias pendentes: "Desde a AP-9 a todos os portos e aeroportos, a poder ter o control dos nosos recursos económicos, poder ter unha política eléctrica que non nos faga dependentes... Nin que vexamos unha estafa da luz onde o Goberno galego nin está nin o esperan".

A portavoz nacional do Bloque non desvelou se ten decidido presentarse á reelección como líder da formación, que celebra a súa Asemblea Nacional o próximo 7 de novembro.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia