CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Os transportistas de carbón e mais os empresarios pídenlle a Endesa e ao Goberno que clarifiquen o futuro da central térmica

20/09/2019 - 08:22 h

As empresas encargadas de transportar o carbón desde o porto de Ferrol ata a central térmica das Pontes reclaman que Endesa diga se vai pechar a factoría ou non. Fano tras a multitudinaria manifestación que transcorreu onte polas rúas da vila pontesa.

O voceiro da plataforma de transportistas, Manuel Bouza, falou hoxe no Galicia por diante.
"Queremos que sente na mesa Endesa, que estea o Goberno, que estean todas as forzas políticas e noutras tamén por aí. E que digan o que queren facer. Que digan se van facer algo, se queren facer algo: se isto vai parar, como dicía o alcalde... É que en principio non se sabe nada. Ninguén di nada. Acaban de parar o terceiro e cuarto grupo a reparación e seguimos sen saber nada".

Bouza pide alternativas ao uso do carbón, pero aclarou que calquera outro material, sexan restos industriais, lodos ou ósos de olivas, sempre terá que ir mesturado co carbón, polo que sería necesario seguir traendo mineral a través do porto de Ferrol.

A Asociación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e O Ortegal apoia os transportistas e a Endesa para que siga operando nas Pontes. O vicepresidente, Santiago Pérez Torres, falou na Radio Galega de "apoio incondicional" e critica os impostos ambientais que gravan este tipo de industrias.
"Ou o Goberno toma medidas importantes en referencia a estes impostos estatais ambientais e tamén ao custo eléctrico tan alto que temos en España, en comparación con outros países (...) ou isto vai ser un caso máis, como pasou no caso de Alcoa. Pódese producir un binomio desencadeándose unha crise industrial que temos que evitar".

"É obvio que ten que haber unha transición ecolóxica, pero tense que ser prudente, téñense que ter en conta todos os factores socioeconómicos e, por suposto, as garantías de abastecemento enerxético do futuro do país".

 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia