Galicia por Diante
Antón Gómez-Reino: "Estamos dispostos a dialogar con Anova e con outros espazos; a fórmula de Galicia en Común é de portas abertas"
O deputado de Galicia en Común e secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, asegurou esta mañá na Radio Galega que de cara ás eleccións do 10 de novembro "é evidente que debe haber continuidade do traballo político feito nos últimos meses, sen descartar sumar novos axentes".
Ao preguntarlle sobre a posibilidade de que Anova poida integrase en Galicia en Común para eses comicios, o parlamentario asegurou que están dispostos a dialogar con Anova e con outros espazos: "A fórmula de Galicia en Común é de portas abertas e de sumar; aspiramos a trasladarlle á cidadanía todo o traballo feito nestes meses e portas están abertas".
En relación coa súa citación como investigado pola suposta comisión dun delito de atentado contra a autoridade polos incidentes acontecidos na protesta do pasado 28 de marzo dos traballadores de Alcoa diante do Congreso dos Deputados, Antón Gómez Reino sinalou que existe un "defecto de forma significativo", xa que a xuíza de instrución do Xulgado número 25 de Madrid, Raquel Robles, non é competente para imputalo, dada a súa condición de aforado.
O parlamentario galego explicou que aquel día ás portas do Congreso "se produciu unha situación de tensión, onde, coa responsabilidade que temos como cargos públicos, tratamos de mediar entre os traballadores de Alcoa e as forzas de seguridade". Non hai, segundo Gómez-Reino, "ningún comportamento que xustifique a denuncia policial, tal e como se pode apreciar nas imaxes daquel día".
O deputado critica o dispositivo policial dese día e avanza que o grupo confederal de Unidas Podemos solicitou a comparecencia do Ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, para que explique os motivos da denuncia.
Neste sentido, Gómez-Reino considerou que a súa imputación e a doutras oito persoas máis "lembra outros tempos, con traballadores, dirixentes sindicais e cargos públicos implicados". "Non se trata", proseguiu, "de mans negras, senón de poñer luz e taquígrafo sobre o que aconteceu e de defender o dereito dos traballadores a se manifestaren".