CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Luca Chao: "Estamos nunha situación grave, pero creo que non é este o momento de decidir se vai haber dous grupos parlamentarios"

20/06/2019 - 08:24 h

O sector crítico de En Marea mantén as súas posicións a poucas horas de que se reúna o  Consello das Mareas e de que expire o prazo para escoller o candidato a senador. Luca Chao, deputada de En Marea e membro de Podemos Galicia, insiste en defender a candidatura de José Manuel Sande como senador por designación autonómica en lugar de Mariló Candedo, a opción proposta polo voceiro do grupo parlamentario.

"Creo que ninguén pode entender que catro persoas pretendan impoñer os seus principios nun grupo de catorce. Atenta contra os principios máis básicos da democracia e da convivencia".

Luca Chao cualifica de "desatino" a posición da dirección política de En Marea e as palabras vertidas pola vicevoceira, Ana Seijas, que os acusou de "tránsfugas" e "golpistas". "Sería desexable que dedicasen a décima parte do esforzo que dedican a destruír o proxecto de En Marea a facer unha oposición contundente ao PP. Seguramente estariamos noutra situación -asegurou nunha entrevista no 'Galicia por diante'-. Pola súa culpa, pola súa insistencia en destruíren todo, non nos están deixando visualizar o noso traballo".

Chao recoñece que o grupo parlamentario está atravesando unha "situación grave" máis aló da polémica xurdida coa designación do senador. Con todo, de momento resístese a falar de ruptura. "Levamos moito tempo arrastrando un problema grave; pero creo que non é este o momento de decidir se vai haber dous grupos parlamentarios ou non. Que temos un problema de convivencia grave e que hai que buscarlle solución é evidente".

A deputada de En Marea asegura que a intención do sector crítico é rexistrar a candidatura de José Manuel Sande como senador de designación autonómica. "As conversas que tivemos cos servizos xurídicos tranquilizáronnos e déronnos garantías. O grupo parlmentario toma unha decisión, esa decisión ten que estar referendada nunha acta e será o que se faga valer na mesa. Hai unha acta dunha votación de 8 persoas. Que o voceiro queira outro candidato debera ser pouco relevante neste caso...".

Chao cre que Luís Villares terá que dar explicacións no caso de que o grupo parlamentario rompa e perda o seu dereito de escoller senador en beneficio do PSdeG. "Se o voceiro decide ir por libre e desoír o grupo parlamentario e comete a irresponsabilidade de regalarlle un senador ao PSdeG que non lle corresponde serán eles os que terán que explicalo. Nós imos traballar para que no Senado haxa un deputado do noso grupo que represente os intereses de Galicia".

Luca Chao responsabiliza á dirección de En Marea dos malos resultados colleitados polo grupo tanto nas eleccións xerais como nas municipais. "Que unha forza que ocupa hoxe o primeiro posto na oposición en Galicia obtivese dezasete mil votos e que quedase apenas sobrepasada por PACMA é unha situación patética e lamentable que ten responsables claros. Sobre todo, cando en fronte tiñan unha forza política representada por Galicia en Común con xente de Podemos que conseguiu 245 mil votos; un resultado que non nos parece suficiente, pero entendemos digno. A comparación cos 17 mil votos de En Marea convidan a unha reflexión profunda".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí