Galicia por Diante
Francisco Conde, conselleiro de Industria: "O Goberno ten a decisión tomada de pechar Alcoa-San Cibrao. Pedímoslle que rectifique"
A Xunta afirma que o Goberno central sabe que as propostas que ten agora enriba da mesa no estatuto das industrias electrointensivas suporán o peche da central de aluminio de San Cibrao.
Díxoo o conselleiro de Emprego, Economía e Industria, Francisco Conde, no Galicia por diante.
"Temos un Goberno que nestes momentos ten a decisión tomada de pechar Alcoa-San Cibrao. O que lle pedimos é que rectifique".
"O Goberno é consciente de que a súa proposta supón o peche de Alcoa-San Cibrao. O que lle temos que preguntar é por que non establece medidas dende o punto de vista da política fiscal para permitir que Alcoa-San Cibrao e as 5.000 familias que dependen directamente desta decisión teñan unha resposta".
"O Ministerio de Transición Ecolóxica o que debe facer é dar unha resposta como están dando outros países europeos. Outra cousa distinta é que o Goberno teña decidido que en España non quere que se produza aluminio primario. Esa é outra decisión respectable, pero inadmisible por parte de Galicia, de Asturias e de Cantabria. O que lle pedimos ao Goberno é que abandone esa insensibilidade e realmente dea unha resposta en materia de política enerxética ao que precisan as empresas. Doutro xeito o que estará facendo o Goberno é tomar unha decisión premeditada porque sabe que, con este estatuto, Alcoa-San Cibrao pechará e sabe perfectamente que Alu Ibérica (a antiga Alcoa-A Coruña) non vai reactivar a produción de aluminio primario".
O conselleiro explicou que están ultimando os detalles das alegacións que presentará a Xunta contra o estatuto das electrointensivas, que prevén entregar hoxe. Piden que as grandes consumidoras de electricidade, como é o caso das fábricas de aluminio, teñan unhas especiais medidas de apoio, en comparación coas empresas de menor consumo.
Ademais, insiste en que o Goberno ten que deixalas exentas do imposto da electricidade e tamén das peaxes que pagan todos os consumidores polo que custa levar a luz polas redes de alta tensión.