CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Antonio Zan, presidente do comité de empresa de Alcoa-San Cibrao: "O que está facendo o Goberno é unha 'salvaxada industrial'"

19/12/2019 - 08:26 h

Os traballadores da planta de Alcoa piden medidas urxentes para evitar un peche que agoiran desde hai semanas, especialmente pola falta de descontos no prezo da electricidade, froito da poxa que se está celebrando estes días.

"Na práctica, o Goberno eliminou a poxa. No ano 2005 había 500 millóns de euros. Para o primeiro semestre do ano que vén vai haber 5. O que está facendo o Goberno é unha 'salvaxada industrial' e unha barbaridade", dixo o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan.

"Aquí o que temos é un problema: acabar de meter toda a industria electrointensiva do país, toda, nunha crise sen precedentes. A reconversión de 1986 pode ser unha broma comparada co que acaba de facer o PSOE. Está claro que empezarán a caer empresas. Primeiro unhas cantas. Despois, outras cantas máis. Pero isto non ten visos de solución, porque as normativas que estes señores están pensando en poñer para amañar o problema van tardar máis de dous anos en poñerse a funcionar. E non vai haber ningunha multinacional que aguante dous anos tendo máis de 100 millóns de perdas ao ano".

"Como pode ser que un país coma España, que temos moi pouca industria, esteamos acabando coa pouca industria que hai? Como pode ser que esteamos pechando térmicas neste país e nos enchufemos a unha térmica de Marrocos?".

"A Mariña vai sufrir un retorno a hai máis de 40 anos. Imos volver estar coma en 1975. O Goberno e o PSOE teñen que dicir se queren industria ou non. Ou se queren acabar con toda a industria para quedar moi ben ante os seus socios europeos e dicir que son os que menos emiten CO2. Isto faino ata o meu fillo de 13 anos. Acabando con toda a industria e acabando con todas as térmicas, xa non emitimos CO2. Agora ben, despois de que vivimos?".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia