CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Torra, a declaración

19/11/2019 - 07:39 h

A declaración-mitin de Torra ten esta explicación, e que Deus me perdoe por xulgar intencións. O avogado díxolle: “Mira, Quim, condenar, vante condenar, porque o delito de desobediencia é evidente. Así que, como te van inhabilitar, polo menos queda ben co independentismo, faite o mártir, convértete en heroe e bota por esa boquiña todo o que queiras botar”. E así, Quim Torra demostrou que, como anunciara, tiña a defensa ben preparada, levaba todo escrito, demostrou que quería que a mellor defensa fose un bo ataque —ataque á xustiza e ao Estado, claro está— e acabou cun colofón deses que fan época e se poden berrar nunha concentración: “A nosa condena é a vosa condena”. Os CDR, os Arran e o Tsunami Democràtic aínda están aplaudindo. A filla de Torra, que ía participar nunha sabotaxe ao AVE, recibiuno na casa cunha aperta de “que grande es, papá Torra”.

Eu veño destacando tres ou catro aspectos na declaración. O primeiro é a confesión de que desobedeceu, pero fíxoo porque é moi difícil obedecer unha orde ilegal. Como teño escrito por aí, isto confirma que a visión da legalidade decídea el, como sempre fixo, e como fai o separatismo. As leis respéctanse ou non segundo lles parezan legais a eles, non porque estean nos códigos.

A segunda é, en consecuencia, que o presidente da Generalitat está por riba de todo e de todos. A Xunta Electoral Central, que é a máxima autoridade competente en cuestións electorais, non está por riba do presidente da Generalitat, que é unha especie de Deus de carne e óso ao que non se pode impoñer dende un Estado, e menos se é un Estado represor. Se alguén ten poder de control do presidente é o Parlamento, que foi o que o nomeou. Eu engado que, como ten maioría absoluta, iso será así mentres a teña. Despois que ninguén lle tusa ao presidente.

A terceira é que Torra falou en nome de todos os cataláns, “podo falar en nome de todos eles”, asegurou, e iso xa é un prodixio da natureza. Velaquí o gobernante, único no mundo mundial, que sabe o que pensa cada un dos cidadáns, que representa absolutamente todos os cataláns. E iso vén explicar por que menospreza a quen non coincide con el: quen non coincide con el non é catalán. E se o é porque naceu en Cataluña, será un mal catalán.

Iso é Torra, benquerido Valiñas, e onte vímolo tal como é. A inhabilitación gañouna ben gañada.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí