CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alfonso Rueda: "Só faltaría que a incapacidade de Sánchez lle afectase a Galicia dun xeito tan directo"

19/07/2019 - 08:14 h
  • Considera unha irresponsabilidade volver ás urnas e que coincidise coas eleccións galegas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda úrxelle a Pedro Sánchez que forme goberno canto antes para poder resolver os asuntos pendentes que o Estado ten con Galicia, sobre todo no eido do finaciamento.

Nunha entrevista do Galicia por diante, Rueda considera que o presidente do Goberno en funcións está tratando de pasarlle a responsabilidade á oposición cando "o que hai que facer é negociar, non estar de brazos cruzados esperando que os demais lle solucionen a papeleta".

Sobre o sentido do voto do PP na investidura, Alfonso Rueda considera que Pedro Sánchez non está autorizado a pedirlles a abstención.

"Sánchez foi o do non é non con Mariano Rajoy. Agora pídenos o apoio e sen ofrecer nada a cambio. Sen ningún programa. Así lle vai. El é o culpable desta situación".

Alfonso Rueda espera que a falta de goberno en España non desemboque noutros comicios porque coincidirían cos galegos.

"Só faltaría que a irresponsabilidade de Sánchez lle afectara a Galicia dun xeito tan directo, onde sempre se garantiu a estabilidade". "Volvo facer un chamamento: quen lle dixo ao Rei que estaba en disposición de formar goberno, que o forme".

O vicepresidente da Xunta confía en que a incerteza política non afecte a economía galega, cunhas previsións de crecemento do 2,3%, segundo o último informe de Abanca. Con todo, Rueda cre que non hai que baixar a garda sobre todo para lograr que o emprego se recupere a niveis previos á crise.  Pon o foco nas axudas ás empresas privadas para mellorar os modelos produtivos e crear postos de traballo, a través do novo programa Axenda Industria 4.0.

Por último, Rueda congratulouse de que os xefes de serivzo dimisionarios da área sanitaria de Vigo retomaran o diálogo coa xerencia, que ten novo director. Espera que as conversas dean o seu froito "pero sen esquecer que Galicia ten unha magnífica sanidade".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí