CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Iglesias e o exilio español

19/01/2021 - 07:35 h

Todo o que o vicepresidente segundo lle dixo a Gonzo na Sexta dá para facer un libro enteiro, e non só de comentario político, senón de retrato psicolóxico do persoeiro. Cando falou, por exemplo, de que algún día podía haber no seu despacho un retrato dun presidente da República, daba a impresión de que no fondo pensaba que a foto podería ser a súa. Cando falaba do Goberno por dentro, segue vendo os compañeiros de partido ministros como se fosen alleos ao Consello. Os outros, os socialistas, especialmente Nadia Calviño, son pouco menos que xestores do capitalismo, que viven e gobernan presionados polas patronais. En concreto, citou a patronal inmobiliaria, que non estou seguro de que exista como tal.

Pero o que máis sorprendeu a todos foi como igualou a Puigdemont cos exiliados republicanos. É que o señor Iglesias, cando fala dalgún antisistema, non sabe facerlle unha crítica. Chega a dicir que non quere unha Cataluña independente, pero a Puigdemont e os políticos presos do 'procés', que non llos toquen, que son sagrados. Os presos non teñen que ser indultados, teñen que estar nas institucións. Para que? Para volver facer o que fixeron, como dixo oportunisimamente Oriol Junqueras onte mesmo no 'Confidencial'. E o fuxido é coma os exiliados de 1939.

Eu xa dixen que me soou coma unha blasfemia. Oír iso foi lembrar aquelas filas de homes e mulleres, puntos negros nas fotos, que cruzaban os Pireneos entre xaneiro e marzo do 39. Mortos de frío, cheos de fame, co medo no corpo, moitos morreron no camiño. Entre eles ía Antonio Machado, pobre, enfermo e definitivamente lixeiro de equipaxe. Si, señor Iglesias: a imaxe é igualiña ca a do prófugo que escapa protexido por escoltas, que se aloxa nun hotel de Bruxelas e despois encontra aposento de rico en Waterloo.

A legalidade tamén é igualiña: aquelas xentes, calcúlase que medio millón, foron a Francia e ducias de miles chegaron a México, a Cuba e outros países americanos; aquelas xentes, digo, escapaban dunha morte probable e dun cárcere seguro. Máis de trescentos mil foron internados en campos de concentración do sur de Francia, sempre temendo que os devolvesen a España, e moitos foron devoltos. E todos saíron co posto, sen saber moi ben a onde ían, fuxidos do terror. Andrés Trapiello describe así o que pasou: "Derrotados, a maioria dos escritores republicanos buscou a senda do exilio. Era a senda da pobreza, da incerteza, para moitos a da morte". Aquela xente fuxía dunha ditadura. A legalidade da que fuxiu Puigdemont é a legalidade dun estado de dereito.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia