CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

PP, Sánchez e coalición

18/11/2019 - 07:40 h

De todas as posibilidades que hai de formar goberno, a máis difícil, por non dicir imposible, é a de facer unha gran coalición co Partido Popular. De feito, non existe dende que Pablo Casado dixo no debate que o PP non se prestaría a esa alianza. Despois chegou o preacordo de coalición PSOE-Unidas Podemos, e a posibilidade desapareceu de todo, pero empezou outra fase, que foi a de preguntarse a onde vai este país con Pablo Iglesias de vicepresidente e con varios ministerios nas súas mans. E con esa certeza, se se xunta maioría abonda para a investidura chegaron os medos

Hoxe hai moita presión, sobre todo dende o ámbito económico, para que o PP faga o posible por evitar a coalición de esquerdas, e con palabras moi duras. Por exemplo, de todos os que din que botarán abaixo o que Iglesias sempre chamou "réxime do 78", é dicir, a Constitución, que levaría aparellada a caída da monarquía. É un horizonte que non figura no pacto asinado, pero que se concibe como posibilidade futura. Se iso fose certo, impedir o entendemento é prioritario. Pero a opinión está facendo que aparezan dúas Españas: a que quere o pacto de esquerdas, dende onte encabezado por Rodríguez Zapatero, e a contraria. No medio está a opinión pública, e hai unha enquisa que di que o 71 por cento dos cidadáns quere unha alianza PP-Ciudadanos-PSOE.

E que pensan no PP? Pois hai dúas tendencias claras. Unha, liderada polo presidente Núñez Feijóo, que apela ao "PSOE sensato" para esa alianza dos conservadores e o PSOE e que ten moito eco na prensa de Madrid. Hai outro sector de opinión no partido, que non quere deixar a exclusiva da oposición a Vox. E Pablo Casado cala, non di unha palabra, e dá a impresión de que prefire deixar que Sánchez fracase, que caia o goberno con Podemos, pois esa sería a oportunidade de volver ao poder.

Eu, persoalmente, estou coa posición de Feijóo, simplemente porque é a preferida pola opinión pública e, sobre todo, porque é a que convén ao país neste momento. Tranquilizaría os investidores, deixaría sen efecto os separatistas e permitiría saír de experimentos que, como dicía Eugenio d’Ors, mellor facelos con gasosa que con champaña. Pero quen ten a última palabra é Sánchez. E ese señor ten dúas obsesións: a primeira é ser presidente. Gústalle máis ser presidente ca gobernar. A segunda é non contaminarse pola dereita. Témelle máis que a un nubrado que Pablo Iglesias lle diga que se dereitizou e que responde aos intereses dos mercados. Así que o prognóstico de futuro é que só falará co Casado en caso de extrema necesidade. E aínda así, benquerido Valiñas, penso que preferiría ir ás terceiras eleccións.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia