CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Román Rodríguez: "En xullo presentaremos o Plan estratéxico do Xacobeo 2021"

18/06/2019 - 08:22 h

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, afirma que os "preparativos para o Xacobeo 2021 están avanzando como teñen que avanzar, no sentido de que se están abordando diferentes áreas na infraestrutura física do Camiño, a programación cultural e os traballos orientados a dar servizos aos peregrinos".

Román Rodríguez di que "estamos facendo unha dobre preparación: preparámonos para o Ano Santo, onde prevemos unha afluencia masiva de persoas cunha porcentaxe altísima de peregrinos internacionais, e preparámonos para o día seguinte" de maneira que desde o 1 de xaneiro do 2022 "poidamos seguir tendo no turismo e na cultura unha fonte de ingresos fundamental para o país e unha fonte de riqueza e de creación de emprego importante para moitos concellos rurais do interior de Galicia".

Román Rodríguez anuncia que "en xullo se presentará o Plan estratéxico do Xacobeo e a partir de aí iremos desenvolvendo os diferentes programas para ter un Xacobeo 21 á altura das circunstancias cunha moi boa antesala no ano 20 e que, sobre todo, sexa sustentable no tempo e non flor dun día". Explica que no plan estratéxico "se van fixar as liñas mestras de aquí ao 21 e que tamén responda a un proceso participativo en que están colaborando na súa elaboración 600 persoas entre axentes culturais e doutro tipo".

O responsable de Cultura e Turismo do Goberno galego fai referencia a "estudos como o da Fundación BBVA, que din que en cada ano santo o crecemento no número de visitantes está en preto dun millón e que se consolida nos anos seguintes e, en termos de PIB, os propios estudos da Fundación BBVA din que estamos arredor dun 7 por cento de crecemento de PIB en cada ano santo, e isto consolídase arredor da metade para o ano seguinte".

Román Rodríguez destaca tamén "sentimento de orgullo", xa que "se consolida o orgullo de Galicia e de ser galegos no senso en que toda Galicia se implica na celebración do Xacobeo".

Sobre a colaboración con outras administracións, Román Rodríguez salienta "os contactos que xa houbo co Goberno central, que esperamos reactivar co novo Executivo... porque se algo demostrou o Xacobeo é que este é un proxecto de todos: das administracións, da sociedade civil e da propia Igrexa".

Co Concello de Santiago existe "un espírito de colaboración" porque "é unha das pezas centrais do Ano Santo, porque estamos a falar da cidade que acolle os peregrinos que chegan a Compostela a través dos 10 camiños e ten un papel fundamental en tarefas básicas como seguridade, limpeza, acollida e mobilidade" e "vemos que hai unha boa disposición a traballar".

Sobre a posible visita do papa Francisco no ano 2021, Román Rodríguez fala "dun desexo compartido" e admite que "esa cuestión non é fácil de inicio... pero sería un recoñecemento importante para o Xacobeo".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia