CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Xosé Luís Muíño (comité clínico): "As reunións de non conviventes nas casas pode ter consecuencias dramáticas"

18/03/2021 - 08:38 h

A prohibición de reunións de non conviventes nos domicilios particulares é unha medida destinada a non xerar contaxios innecesarios. Asegúrao o doutor Xosé Luís López-Álvarez Muíño, membro do comité clínico que asesora a Xunta, que lembra a "dramática" experiencia do Nadal para evitar nas vindeiras semanas o contacto interpersoal no interior das vivendas con persoas de fóra do núcleo familiar.  

O doutor López-Álvarez Muíño, que é o xefe de servizo do Centro de Saúde da Cuña, en Ourense, que a amplicación de horarios na hostalaría debe ir acompañada do cumprimento estrito das medidas preventivas. "Entendo os hostaleiros", dixo, "pero eles teñen que entender a nosa prudencia. Ter que volver pechar pasado un tempo sería economicamente moi malo".
Sobre a evolución da pandemia en Galicia, o doutor cre que estamos nunha "situación excelente", nun período de estancamento despois dunha forte baixada. Con todo, ve con preocupación a pequena repunta que se está producindo noutras comunidades autónomas e países europeos: "sería dramático ver unha cuarta onda, porque as consecuencias para a saúde e a economía serían tremendas".

O doutor Xosé Luís López-Álvarez Muiño cre que é moi dubidoso que exista unha relación directa entre a vacina de AstraZeneca e os casos de trombose detectados en persoas ás que se lles administrou unha dose desa farmacéutica. Lembrou que despois de administrarse máis de un millón de vacinas en España, só se detectaron tres casos con problemas de trombos en pacientes cun perfil moi concreto. O doutor insiste en que os beneficios da vacinación desde o punto de vista da saúde pública son moi superiores ás supostas complicacións detectadas ata agora.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia