CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Eloína Núñez: "A ampliación do CHUS permitirá hospitalizacións máis breves"

17/04/2019 - 08:23 h

Eloína Núñez: "A ampliación do CHUS permitirá hospitalizacións máis breves e unha atención integral en coidados paliativos, unidade da dor e hospital de día".

As empresas interesadas en realizar as obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago teñen ata o 20 de maio para presentar as súas ofertas.

Explicouno na Radio Galega a xerente do CHUS, Eloíña Núñez, que apuntou varias zonas de remodelación coma os quirófanos, as urxencias, a unidade de hematoloxía, coidados paliativos e hospitalización.

"O principal obxectivo da ampliación é a eliminación dos cuartos triplos tanto no Clínico como en Conxo. Agora mesmo quedan 110 e a reforma permitirá que sexan dobres. Tamén posibilitará outra forma de facer medicina, que o paciente estea ingresado o menos tempo posible e facer alternativas á hospitalización convencional".

Segundo dixo, as reformas permitirán dotar a farmacia e as urxencias de máis espazo, neste último caso, cunha área de observación maior, capaz de acoller ata 24 camas. A unidade de hematoloxía instalarase nunha planta nova con estancias adecuadas para os pacientes inmunodeprimidos.

Explicou, ademais, que na zona de consultas externas habilitarán a unidade da dor e un novo hospital de día onde buscarán unha atención integral para os pacientes que necesiten tratamento. Pretenden a unificación dos diferentes servizos médicos para que traballen en equipo. Tamén na unidade de coidados paliativos.

"Os pacientes crónicos, polipatolóxicos e polimedicados que nun momento determinado necesiten coidados paliativos, queremos que estean todos xuntos. De feito é unha idea que iremos probando xa sen esperar a que se consoliden as obras".

Eloína Núñez sinalou que tras a reorganización do hospital, o CHUS contará con seis quirófanos, dous deles híbridos, onde poderán desenvolver operacións completas no caso de algúns pacientes. 

En definitiva, dixo, trátase de unificar todos os servizos médicos, deixando no Clínico a alta especialización, máis complexa; e en Conxo, a cirurxía maior ambulatoria.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí