CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Andrea Fernández: "A conservación preventiva é fundamental para evitar estas traxedias"

17/04/2019 - 08:03 h

A subdirectora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Galicia, Andrea Fernández Arcos, afirmou no Galicia por diante que a conservación preventiva é fundamental para evitar traxedias como o de Notre Dame. 

"A prevención non só ten que ver coas instalacións eléctricas, abranque outras moitas circunstancias. Pensamos que para evitar danos é moito máis intelixente e urxente investir en plans de conservación que facelo despois na restauración, que, na maioría dos casos, vai resultar máis cara".

"No ano 2000 houbo unha reunión internacional sobre conservación de bens culturais e xa se puxera de manifesto que o coidado do patrimonio debe pasar por unha conservación preventiva, que, ademais, sexa sostible. Non é cuestión dun plan de conservación sen máis, debe ser continuado no tempo". "No caso de Notre Dame, conservadores franceses denunciaran nos últimos tempos a deterioracion da catedral de París". 

Acerca da seguridade nas catedrais españolas, incluída a de Santiago, Andrea Fernández explicou que hai un Plan Nacional de Catedrais "que toma en consideración as necesidade e a urxencia coa que se debe intervir en cada unha delas". "Nos traballos de restauracion do templo compostelán observárose, por exemplo, algunhas deficiencias na instalación eléctrica, que é moi antiga".

A subdirectora da Escola Superior de Conservación e Restauración de Galicia opina que en Notre Dame unha comisión multidisciplinar, formada por cosnservadores, restauradores, arquitectos, historiadores e químicos, será a encargada de estudar polo miúdo o estado de conservación de tódolos bens que alberga a catedral".

"Supoño que a reconstrución do templo será máis fácil porque contan coa vantaxe das doazóns que se puxeron a disposición e que xa superan os 500 millóns de euros". "Hai que prestalle moita atención á estrutura da basílica porque a pedra aínda ten que arrefriar". "Haberá que tomar, ademais, unhas medidas de emerxencias primarias. Por exemplo, o punto de fusión do chumbo é moi baixo, e tódolos elementos que compoñen as vidrieiras están compostos por chumbo. Terán que valorar entón qué tipo de elementos son os máis delicados, para decidir se precisan intervención de urxencia in situ ou se teñen que ser retirados para que non se debiliten e se perdan".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí