CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Antonio Forcadas: "A decisión de suspender a vacinación con AstraZeneca creou máis alarma social"

17/03/2021 - 08:17 h

O presidente da Asociación Nacional de Enfermería y Vacunas (Anevac), José Antonio Forcadas, entende que a suspensión temporal da vacinación con AstraZeneca é "unha situación anómala".
Nunha entrevista no 'Galicia por diante', apuntaba que "foi unha decisión de tipo político máis que científico baseado na alarma social que se podía crear e xerou máis alarma social coa paralización".
Forcadas salienta que "está ben ser precavidos e tomar precuacións cando é necesario. Se houbese unha maior incidencia de casos de trombrose no grupo de vacinados que no grupo de non vacinados, estaría máis que xustificada a suspensión, pero non foi o caso".

Explica que outros países coma Reino Unido, O Canadá ou Australia valoraron que era máis importante seguir coa vacinación á espera do informe do Axencia Europea do Medicamento. Lembra que tanto a Organización Mundial da Saúde como a Axencia Europea do Medicamento insisten en que existen máis beneficios que risco e que non se deberían suspender os plans de vacinación.
Recoñece que aumentará o número de persoas reticentes. Afirma que  "se había persoas que dubidaban ou tiñan reticencias con esta situación aumenta ese grupo. Hai que dicirlles que non teñan medo porque a vacina é segura. Como se pode ver cando se detecta unha situación anómala faise unha investigación exhaustiva para descartar que teña relación coa vacina. Neste caso creouse unha alarma que non debería crearse. Temos tempo a reconducir a situación para convencelos de novo da necesidade e dos beneficios da vacinación. Daranse conta de que outros países seguiron vacinando e que os casos adversos pode que se demostre que coinciden no tempo, pero que non haxa unha causa efecto entre eses episodios e a vacina. Con pedagoxía e o traballo de administracións e sanitarias poderemos reconducir a situación e conseguir unhas altas coberturas que é o que precisamos".

Sobre o chamado pasaporte COVID, Forcadas considera que pode ser discriminatorio porque "quedarán excluídas persoas ás que non se lles ofreceu aínda o remedio contra o virus" e lembra que a vacinación é voluntaria polo que limitarían os movementos só ás persoas que quixeron inmunizarse. Ademais entende que sería un agravio aos cidadáns de países pobres con dificultades para acceder ao remedio.

Forcadas defende que un negativo nunha proba PCR ou os anticorpos por pasar a enfermidade deben seguir sendo o principal criterio para permitir a mobilidade.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia