CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Encontro Sánchez-Casado

17/02/2020 - 07:37 h

Hai que empezar por dicir o de sempre: unha reunión entre o presidente do Goberno e o xefe da oposición non debería ser noticia de primeira páxina, como é hoxe a de Sánchez e Casado. Deberían falar con máis frecuencia, ter incluso un fío aberto, un calendario de reunións e manter un diálogo máis fluído se ambos tivesen sentido do Estado. Pero non é así. As relacións entre os dous tiveron momentos case dramáticos, como cando Sánchez lle dixo a Casado: “Con vostede non teño nada que falar”.

Agora as cousas cambiaron algo, tampouco moito, e na última sesión de control do Congreso viuse que Casado está nos antípodas de Sánchez, aínda que Sánchez lle dixo que lle tendía as mans para chegar a acordos dos que chaman de Estado. E hoxe é o día. Pasará o que pase, pero os indicios non son bos. Non hai clima para chegar a todos os acordos que serán precisos para este país. As vindeiras eleccións de Galicia e o País Vasco, un pouco menos as de Cataluña, introducen un factor de tensión, especialmente as galegas, por razóns de todos coñecidas, entre elas que en Galicia se xoga o poder entre os dous partidos, cousa que non ocorre no País Vasco.

O máis urxente é desbloquear as institucións ou os organismos que se teñen que renovar. É impresentable que o Consello Xeral do Poder Xudicial leve máis dun ano sen renovar, e Casado vai á Moncloa coa intención de esixir que os vogais sexan elixidos polos propios xuíces, e iso é un cambio legal que necesita tempo, supoñendo que Sánchez o acepte. No consello de administración de RTVE xoga o dominio dunha empresa de comunicación. O Tribunal Constitucional ofrece menos dificultades, pero xoga a presenza nel dos nacionalistas. E, para complicar aínda máis as cousas, Casado porá como condición que Sánchez rompa con Esquerra Republicana de Cataluña e non convoque a mesa de negociacións, e Sánchez non quererá facer iso nin de broma, porque confía todo a esa mesa. Poderá haber principio de acordo na cuestión da violencia de xénero, na España baleira ou nas pensións. Que non é pouco, pero non é todo o que necesita este país.

Así están as cousas a poucas horas de que empece o encontro. Esperanzas? Pouquiñas. O único bo é que, polo menos, empezan a falar. E alguén terá que ceder, porque sen o PP nin se poden facer reformas de profundidade nin se pode arranxar o de Cataluña nin se pode pensar nunha reforma constitucional. O PP, benquerido Valiñas, non manda no goberno da nación, pero ten o poder de bloqueo.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia