CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Román Rodríguez: "O hipotético atraso do AVE é unha mala noticia. As mentiras son coxas"

17/01/2020 - 08:12 h

A Consellería de Cultura presenta hoxe a programación de Galicia na feira do turismo Fitur, que terá lugar a vindeira semana en Madrid. O conselleiro, Román Rodríguez, adiantaba no Galicia por Diante da Radio Galega que o Xacobeo 2021 será o eixo central do posto, "para promover e proxectar o Camiño de Santiago no principal escaparate do turismo". Camiño, que, dixo, é "un dos elementos que contribúen a xerar unión en Galicia".

Román Rodríguez lamentou que a conexión por ferrocarril de alta velocidade non vaia estar rematada a tempo para o Xacobeo: "Un hipotético atraso do AVE é unha mala noticia que nos fala de que, ao final, como dicía a miña avoa, e moitas avoas, as mentiras son coxas". Achacou este adiamento a que "estar en funcións e supeditar un país aos intereses políticos concretos ten consecuencias ao final".

Con todo, o conselleiro de Cultura e Turismo dixo que o próximo Xacobeo, a chegada do AVE e a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade van contribuír a que "imos ter un futuro esperanzador. A esperanza e a confianza son moi importantes".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia