CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

AVE a Galicia

17/01/2020 - 07:39 h

A min non me fales do AVE, que son de Lugo. E a ave de Lugo é unha pomba que alguén retratou camiñando pola vía, subiuna a Internet e púxolle este pé: primeira AVE chegando á estación de Lugo. Aves coma esa pomba chegan unhas cantas a Lugo. E non só pombas. Tamén podo deixar testemuño dalgunha pega carnizá, algún corvo e algunha parella de merlos, pero coido que non valen para o transporte de viaxeiros. A provinca de Lugo non está nos mapas de Adif, nin estivo nunca. Lugo é un accidente xeográfico do que non se acorda ningún Goberno central dende que andaron por alí as tropas de Xulio César. A provincia de Lugo, e incluso a capital, segundo parece, hai que preservala dos perigos da modernidade, que non trae máis que pecado.

Respecto ao AVE de verdade, ese que din que corre a 300 por hora, muito máis ca a pomba da vía de Lugo, non sei por que vos ten tan preocupados. É que non aguantades un atraso de nada. Total, son dous anos, ata a 2022, que hai que engadir a todos os anos que levades e levamos agardando. É que non sabedes o complexo que é construír esa vía, que ademais e doble, e facela pasar por tanto monte, con centos de quilómetros onde non hai xente que recoller nin baixar. Non sabedes o que atrasa non seguir o camiño que marcan os burros, que sempre era o de Monforte, que queda a sesenta quilómetros de Ourense e a sesenta de Lugo. E non sabedes como os enxeñeiros complican todo, facendo que os viaxeiros que van á Coruña ou Ferrol, teñan que dar unha volta por Zamora e por Ourense. Debe ser un AVE de moita vocación turística.

Tamén é un AVE de moito suspense e moita emoción contida. Iso de non saber de verdade cando funcionará é emocionante. Houbo un ministro de Obras Públicas chamado Enrique Barón, socialista, que dicía que a Renfe era un feito cultural porque daba moito tema de conversación. Creo que daquela aínda non tiñamos a intriga do AVE. Agora ese feito cultural ten un valor de moito pendello. Aos que vivimos en Madrid xa non nos preguntan polo lacón con grelos, nin polo cocido de Lalín, nin polas centolas nin polas empanadas. Pregúntannos cándo teremos o AVE. E agora parce que se vai converter en munición para a campaña electoral, e a xente tamén pregunta a quen beneficia ou prexudica o cumprimento dos plazos ou un novo atraso. E eu, benquerido Valiñas, só sei contestar de dous xeitos irrebatibles. O primeiro é “depende”, que, sendo da terra, sería incorrecto dicir outra cousa. E o segundo xa a podedes adiviñar: por unha banda, xa ves, e, por outra, que queres que che conte. E acerto sempre. Tratándose do AVE, é o único xeito de acertar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia