CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Violencia en Cataluña

16/10/2019 - 07:42 h

A nota distintiva do día de hoxe é a violencia das protestas. O titular dalgún xornal de "Arde Barcelona" é real, polo menos nas fotos que se publican e nas imaxes que vimos na televisión. O balance de 75 feridos e 25 detidos é expresivo dos efectos. E hoxe empeza o día sen saber o que pode pasar, porque ese invento ao que lle chaman 'tsunami democrático' está decidido a provocar un enorme caos cunha organización que lembra a 'kale borroka' e as guerrillas urbanas.

Despois dos incidentes, a primeira conclusión é que de movemento pacífico, nada. É un movemento violento, como o foi o luns a ocupación do aeroporto do Prat. É xente que quere apertar, como lles mandou Torra nunhas lamentables declaracións nun escrache. E xa que cito a Torra, hai imaxes cómicas súas. É cómico que o seu goberno celebre e predique a empatía cos rebeldes e, ao mesmo tempo, teña que mandar os Mossos d’Esquadra a conter e reprimir as algaradas. Como é cómico que desprece o rei Filipe VI, se negue a renderlle honores e agora lle mande unha carta –que non sei se a mandou ao final— para pedirlle falar non sei moi ben de que, dunha amnistía ou de poñer os presos en liberdade sen máis.

As dúbidas son moitas. A primeira é quen está detrás deses comandos do 'tsunami democrático'; quen os organiza, como se financian, quen monta a estratexia, quen os comunica. Fálase moito de que a idea puido xurdir nunha xuntanza que se fixo en Suíza e coa presenza de Torra. Se foi así, a responsabilidade empeza a caer sobre o presidente da Generalitat, como autor intelectual. Tamén pode ocorrer que Torra alentase a rebeldía e se lle estea indo das mans. Fóiselle das mans. En todo caso, o descoñecemento do que hai detrás dos comandos fai todo moi complicado e demostra que hai un comportamento mafioso no sentido de que funciona a 'omertà', como garantía de impunidade.A seguinte dúbida é cales son os efectos da movida, porque algo así ten que estar prexudicando o comercio e toda a atividade económica. E a última é como se detén todo isto. Pode acabar o venres, niso ao que lle chaman "o paro do país" e que non é máis ca o intento dunha folga xeral. Pero tamén pode ser que, unha vez quentados os do tsunami, estean nunha loita para a que non teñen fin. E a conclusión é que os dirixentes políticos teñen que temperar o que din.

Mentres sigan alentando a movida, haberá movida e cada día máis violenta. O peor é que o buscan, Valiñas. Se se confirma que a buscan, non quedará máis remedio que a dureza da lei, chámese 155 ou lei de seguridade nacional.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia