CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

García Pedrosa (CCOO): "Falta vontade no PSOE para atopar una saída negociada que despexe o futuro de ENCE"

16/03/2021 - 08:24 h

O secretario de Organización Comarcal de CCOO en Pontevedra, José Luis García Pedrosa, denuncia o que considera "falta de vontade do PSOE para atopar unha saída negociada que despexe o futuro de Ence e do sector do mar en Galicia".

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', asegura que agardan desde hai mes e medio unha reunión co deputado do PSdeG-PSOE no Congreso, o pontevedrés Guillermo Meijón, para abordar os dous artigos do anteproxecto de lei de cambio climático que, din, abocarían a pasteira a un peche prematuro, antes do 2033, ao recortar a prórroga da concesión. García Pedrosa explica que "co artigo 18.4 aínda que as sentenzas fosen favorables á concesión que ten Ence ata o 2073 podería utilizarse ese artigo para considerar que a concesión non poder ser por máis de 75 anos desde o inicio da mesma. Ence finalizaría a actividade no 2033, o que suporía na práctica que fose antes porque a empresa non realizaría investimentos na planta pontevedresa".

García Pedrosa di que seguen tamén aínda pendentes de ser recibidos pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

Un silencio que di "contrasta" coa actitude doutros grupos parlamentarios coma ERC e Bildu que hoxe se entrevistará con representantes de Comisións Obreiras de Ence en Madrid. Os traballadores pedirán aos deputados que voten en contra do artigo 18.4 do anteproxecto de lei de cambio climático ao considerar que "vai ter repersución máis aló de Ence e vai afectar miles de persoas", en alusión aos traballadores doutras empresas con concesións en espazos de dominio público marítimo-terrestre.

García Pedrosa cuestiona as declaracións de dirixentes do PSOE que negan que o artigo afecta a Ence e teña efectos retroactivos. Di que "o que se fai é confundir a opinión pública. Está claro que o Goberno non estaría a favor de que Ence continúe na localización actual". O representante de CCOO afirma que "o Goberno decidiu conformarse nos preitos na Audiencia Nacional respecto á prórroga. Isto confirma que lle dá igual a concesión e significa que o Goberno está de acordo cos que presentaron a demanda contra a prórroga. A partir dese momento está clara a posición do Goberno respecto á compañía".

García Pedrosa acusa ó goberno local de Pontevedra de "propagandismo" e de "distraer á opinión pública" por querer declarar persoa non grata ó presidente de ENCE e repróchalle que " nin o BNG nin o PSOE se pronunciaron sobre unha posible perda dos postos de traballo en ENCE".

Sobre os escrache ó alcalde de Pontevedra, García Pedrosa lamenta o " escándalo por un acto que non foi violento senón unha protesta pacífica". 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia