CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Fabiola Gª: "Queremos que os traballadores de axuda no fogar, centros de día e ocupacionais estean vacinados canto antes"

16/02/2021 - 08:18 h

Os traballadores dos centros de día serán os seguintes en recibir en Galicia a vacina de AstraZeneca. A Xunta inmunizará este colectivo, igual que está facendo cos sanitarios, o persoal das residencias e as traballadoras do servizo de axuda no fogar. Segundo a conselleira de Política Social, Fabiola García, "queremos que tanto os traballadores do servizo de axuda no fogar como os traballadores dos centros de día e dos centros ocupacionais de discapacidade de Galicia estean vacinados canto antes para unha maior tranquilidade tanto dos residentes como dos propios familiares". A conselleira aclara que o persoal destes centros que supere os 55 anos "recibirán outro tipo de vacina que esperamos chegue canto antes para seguir avanzando con vistas á plena inmunización".

A conselleira asegura que a vacinación do colectivo de traballadoras no fogar avanza "ben e rápido" e apunta que son "moi pouquiños" os casos de usuarios e traballadores de residencias de maiores e discapacitados que aínda non recibiran a vacinación ao producirse algún gromo no centro. García explica que "as autoridades sanitarias esperan que negativicen todos para proceder inmediatamente á vacinacion, retomen a vida rutinaria e reciban esa dose de tranquilidade".

A titular de Política Social está satisfeita co descenso de contaxios rexistrado nestes centros desde que se iniciou a campaña de vacinación. Asegura que nunha semana o número de casos activos reduciuse á metade. Esta circunstancia fixo que a Xunta decidira flexibilizar desde mañá o réxime de visitas nos centros de maiores e discapacitados. Desde mañá, os usuarios poderán recibir ata tres visitas semanais de dous familiares diferentes e poderán saír do centro as fins de semana, "saídas que eran moi necesarias para as persoas con discapacidade, para os seus pais e para as súas nais".

Na entrevista, a conselleira de Política Social adiantou detalles da candidatura de Galicia ao eixe social do Plan de recuperación, dotada con 164 millóns de euros. Fabiola García explicou que estes fondos vanse utilizar para "continuar reformando todos os centros residenciais de Galicia, seguir apostando pola colaboración sociosanitaria e incorporar nas residencias de maiores de Galicia toda esa tecnoloxía necesaria para que sexan centros sociosanitarios de vangarda".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia