Galicia por Diante
Esquerra, complexo diálogo
Nesta negociación entre o PSOE e Esquerra, se eu non entendo mal, hai dous problemas. O primeiro é que Esquerra sabe a forza que ten, sábese imprescindible para que haxa goberno de coalición e vai actuar de acordo con esa fortaleza. Ou se aceptan as súas condicións, ou non se fai goberno. Xa pode dicir Pedro Sánchez que el e Pablo Iglesias son os únicos que defenden a negociación, que non lles importa. Que España teña ou non teña goberno, non é asunto seu. Se non poden volver á mesa de diálogo, volven á rúa, que está demostrado que a manexan ben.
O segundo problema é que na campaña Sánchez quixo gañar o voto españolista, que é moito máis ca o catalanista, e desbocouse no que chaman vía represiva. Fixo un decreto lei para desactivar a chamada República Dixital Catalá. Prometeu volver ao Código Penal a convocatoria dun referendo ilegal, que Zapatero despenalizara. Falou de acabar co sectarismo de TV3 e meter man no ensino cunha materia de valores constitucionais. E os independentistas xuntaron todo iso coa sentenza do Supremo e agora queren pasar factura. A súa resposta é, se se segue pola vía represiva, eles votarán non.
Dende esas posicións tan pouco conciliables, xuntar votos ou abstencións abondas para a investidura preséntase moi complexo. E fronte a ese pesimismo, hai que ter en conta que a xuntanza de Lastra e de Rufián onte á mañá foi a primeira. Ninguén pode agardar que á primeira vaia a vencida. Na primeira expóñense as posicións máis duras e vanse abrandando á medida que se vai falando. Sempre pasou así ata o limite do calendario. Co cal, este cronista pensa que todo se amañará, porque as dúas partes cederán. O que me intriga é o prezo que haberá que pagar. En concreto, que prezo pagará o señor Sánchez por manterse no poder.
E algo aínda máis inquietante: cal será a postura de Pablo Iglesias?, que ten tantas ganas de entrar no goberno coma Sánchez de manterse nel. E xa se sabe tamén que Iglesias non ve mal o dereito de autodeterminación e algunha vez falou de presos políticos. Hai un xornal, La Razón, que fala hoxe de que se acabará falando no cárcere de Lledoners, que é onde está Junqueras. E suponse que será Iglesias o que acuda alí a negociar, que sería a segunda vez. Iso é o que me dá medo. Sobre todo, despois de escoitar a Aznar dicir que imos á peor crise constitucional. Momentos moi delicados, Valiñas. Eu non sei se nada do que está pasando lle convén a este país. Francamente non o sei.