CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Pep Cruanyes (ANC): "As mobilizacións son unha resposta pacífica e cívica ante unha barbaridade xurídica"

15/10/2019 - 09:04 h

A Asemblea Nacional Catalá apoia as mobilizacións promovidas polo Tsunami Democrático tras facerse pública a sentenza do procés. O vicesecretario da ANC, Pep Cruanyes, asegurou no Galicia por diante que o ocorrido onte nas rúas de Barcelona e no aeroporto do Prat foi unha "resposta pacífica e cívica ante unha barbaridade xurídica".

"O xuízo xa é unha anormalidade. A sentenza é política porque penaliza actos de liberdade de expresión ou manifestacións pacíficas que transforma en tumultos para xustificar unha sedición que non existe", indicou na Radio Galega o vicesecretario de ANC.

Pep Cruanyes considera que o acontecido onte nas rúas de Cataluña é "unha mostra de resposta da cidadanía catalá contra esta sentenza" e engade: "Estamos orgullosos dunha sociedade que non está de acordo con que pisen os seus dereitos".

Cruanyes rexeita falar de indulto, xa que "os presos non cometeron ningún delito e non deben pedir perdón por nada". Tampouco comparte a proposta de Òmnium Cultural para que a cidadanía vaia aos xulgados en masa autoinculparse.

"Nós respectamos todas as accións simbólicas como esta de Òmnium, pero entendemos que nós non cometemos ningún delito, os presos tampouco, e non temos que autoinculparnos de nada".

Cre que a sentenza non axuda a desbloquear o conflito e apunta que "a solución debe pasar porque pare a represión en Cataluña". Ao seu xuízo, "estamos nun estado de excepción non declarado, pero si de feito, onde hai quince días detiveron unhas persoas por unhas acusacións sen fundamento nunha operación para intentar buscar raíces violentas no movemento independentista". Por iso, "pedimos que esta represión pare. Sen parar esta represión nin sacar os presos á rúa é imposible parar o conflito".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí