CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Despois da sentenza

15/10/2019 - 07:42 h

O doado é dicir que hai un antes e un despois, pero así é. Eu penso que o que interesa hoxe é o despois. O Tribunal Supremo estableceu, coma sempre que se fai unha sentenza, a verdade xudicial. E o que di esa verdade é que non houbo violencia abonda para chegar ao delito de rebelión. Houbo violencia, pero non foi programada polos procesados. Todo o que pasou foi a busca do que o Tribunal chama unha quimera, incluso un engano á xente que, de boa fe, pensaba que se ía chegar á independencia. A partir de aí, o Tribunal repartiu as responsabilidades e aplicou as penas. O que determina o futuro penso que é o que estabelece e marca xurisprudencia: que non existe o dereito de autodeterminación nin é legal o dereito a decidir. Que se saiba para futuras actuacións.

Despois temos a riada de declaracións que se fixeron. Moita literatura, case que sempre ardente pola parte dos independentistas. Ese Torra que fala de vinganza, que foi unha das verbas máis utilizadas. Ese Guardiola que anuncia que a loita non se deterá ata que termine a represión. Ese Fútbol Club Barcelona, que di que o cárcere non é a solución... E todos os líderes, nacionais e rexionais que fan imposible un resumo. Quero destacar o que dixo Pedro Sánchez, que o problema é de convivencia en Cataluña, que é unha parte da verdade política. E engadiu que o independentismo fracasou, e iso haberá que demostralo no futuro. E que acatar a sentenza é facer que as penas se cumpran na súa integridade. Verbas para os electores, porque a outra verdade, que é a catalá, amence hoxe coa esperanza de que as Xuntas de Tratamento outorguen o terceiro grao e outros beneficios de xeito case que imediato. Fálase de tres meses, unha letra a noventa días.

E agora, unha vez que falou a xustiza, a expectación trasládase á rúa. "Queremos facer un Hong Kong", é unha das frases que circulan, mérito que hai que atribuir ao rei de todas as irresponsabilidades, que é o señor Torra. As imaxes de onte no aeroporto de Barcelona impresionan. Non sabemos o que veremos hoxe, nin mañá, nin os días seguintes. O que sabemos é que o independentismo ten ganas de provocar o caos, e a policía móvese entre garantir os dereitos cívicos, entre os que figura o de mobilización, e garantir ao mesmo tempo a orde nas rúas e que non haxa estragos. Xa verenmos como vai todo. A rúa, cando se revolve, é imprevisible. E moitos dirixentes políticos están a empuxala.

O outro tópico é dicir que agora é a hora da política. Pero, francamente, Valiñas, non sei que política se pode facer entre as ganas de revolta de Torra e a necesidade de respectar a lei do Goberno central e dos partidos constitucionais. Non o sei.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí