CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José María Eiros: "O ritmo da desescalada debe combinarse con sentido común"

15/02/2021 - 08:18 h

O catedrático de Microbioloxía da Universidade de Valladolid, José María Eiros Bouza, considera que o nivel de ocupación das Unidades de Coidados Intensivos é aínda moi elevado e que, polo tanto, os gobernantes deben actuar con prudencia ante unha posible relaxación das medidas restritivas.

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', o doutor Eiros, que foi tamén deputado do Partido Popular e portavoz do PP na Comisión de Sanidade do Congreso, cre que os principais instrumentos para loitar contra a pademia son a educación sanitaria e a solidariedade nas medidas de distanciamento e prudencia social.  

Segundo Eiros Bouza, evitar o colapso do sistema sanitario é un dos obxectivos das medidas restritivas contra a expansión do coronavirus.

Por outra parte, o doutor cre que a mellor maneira de anticiparse aos posibles problemas sanitarios causados polas mutacións do coronavirus é dispoñer de especialistas e laboratorios dotados para realizar o estudo xenómico das variedades. Neste sentido, a identificación das mutacións é o paso previo para poder deseñar un sistema de alerta microbiolóxica que permita atacar o máis cedo posible as variantes máis perigosas.

O doutor Eiros tamén se referiu á ausencia de casos de gripe neste inverno. De feito, en Galicia continúa sen confirmarse ningún caso de denzas respiratorias a causa da gripe. José María Eiros Bouza, que é tamén director do Centro Nacional da Gripe, apunta ás medidas de protección contra o coronavirus como unha das principais causas da ausencia de casos de gripe, tal como acontecera durante os meses do inverno no hemisferio sur e recoñece que o coronavirus causante da COVID 19 é o hexemónico este ano en prexuízo dos virus máis habituais.  

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia