CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Jesús Vázquez Almuíña, conselleiro de Sanidade: "Hai que potenciar a atención domiciliaria"

14/11/2019 - 08:09 h

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, dixo na Radio Galega que o informe que elaborou un grupo de expertos sobre o futuro da atención primaria lle dá a razón á Xunta e confirma que as medidas que leva tomado nos últimos tempos son as correctas.

"Este documento confirma que as medidas que está tomando xa a Consellería, a Xunta de Galicia, van no bo camiño e que podemos, con estas medidas que se incorporan, facer algo que non se está facendo en España, porque na maioría das comunidades autónomas non se están tomando medidas".

"Hai que potenciar a atención domiciliaria, a teleasistencia que temos en Galicia, poder ter o control das constantes vitais dos nosos cidadáns incluso en domicilio, porque é unha poboación cada vez máis avellentada que terá dificultades tamén para chegar aos distintos dispositivos sanitarios. Polo tanto, hai que cambiar o rumbo. Galicia está nese paso e desde logo este documento axúdanos a ter esa visión de futuro".

"É moi importante o aumento no número de persoal de diferentes categorías, non só médicos, senón especialmente enfermería, pero tamén fisioterapeutas, farmacéuticos, administrativos... as categorías que xa temos. Que haxa un incremento".

"Iso está descrito no plan galego que se aprobou no Consello da Xunta, pero tamén, e así o describe o documento, é fundamental a idea de novos roles, de que as diferentes categorías profesionais, dentro do seu marco competencial, poidan colaborar e que haxa un equipo de cabeceira, máis que falar dun tradicional médico de cabeceira. Falamos de equipo e que ese equipo dea a asistencia".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí