CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Celta-Atlético de Madrid, Castellón-Lugo e a Segunda B, no 'Galicia en goles'

14/10/2020 - 12:56 h

Galicia en goles comeza as retransmisións da fin de semana o venres ás oito e media do serán, co seguimento do partido Levante-O Parrulo, da Primeira División de fútbol sala masculino.

O programa analizará tamén ata as 12 da noite a última hora do deporte galego cos protagonistas e os especialistas da Radio Galega. O sábado, desde as 3, a atención estará posta no Celta-Atlético de Madrid, da Primeira División, xunto ao Castellón-Lugo, de Segunda División A. O Guijuelo-Celta B, de Segunda B, e o Obradoiro-Guipúzkoa, da Liga ACB de baloncesto, serán outras das retransmisións que ocuparán a grella de programación ata as 11 da noite.

Xa o domingo, a primeira edición contará desde as 12 do mediodía a xornada matinal, con atención ao fútbol feminino, a Liga de Terceira e as competicións de baloncesto, balonmán e hóckey a patíns. A partir das 3, a sesión de tarde despregará amplos equipos técnicos e humanos no comezo da Segunda B, con catro encontros: Racing de Ferrol-Pontevedra, Deportivo-Salamanca, Unionistas-Compostela e Coruxo-Zamora. A primeira xornada da Terceira ten como sobranceiro o Arousa-Arenteiro, no estadio da Lomba. Desde as 9 da noite, xornalistas, adestradores e árbitros xuntaranse arredor do faladoiro para debater sobre os resultados dos nosos equipos nun espazo de opinión que a audiencia pode ver tamén polo streaming Mira RG a través da web da CRTVG.

Ademais de Galicia en goles, a Radio Galega ofrece durante a fin de semana outros espazos de información deportiva. O sábado, á 1 do mediodía, Alfonso Pardo chega a Xove para difundir en Convivir deportivo o fútbol gaélico. Ás 11 da noite, Rodrigo Pérez resume en Gas a fondo o rally San Froilán. E ás once e media, Toni López convida no Galicia en Toquio a Antonio Serrat e Susana Rodríguez. Por último, o domingo ás 11 da noite Pedro Pablo Alonso pecha a programación da fin de semana coa mesa de debate de Ao contraataque.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia