Galicia por Diante
Alfonso Rueda: "O Goberno comeza a filtrar que as obras do AVE se atrasan, como mínimo, un ano"
A Xunta teme que a entrada en servizo do tren de alta velocidade a Madrid se volva atrasar, a pesar de que o Goberno central tiña o compromiso de que os primeiros convois comezarían a operar, en probas, este mesmo ano.
"Claro que hai temor. O AVE tiña que estar en probas xa, antes de que rematase o ano, é dicir, tiña que estar en probas agora xa, que estamos no últimos trimestre".
"Agora empezan a adiantar, a filtrar como quen non quere a cousa, que como mínimo un ano (de atraso). Isto é a seriedade do Partido Socialista".
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén criticou que o Goberno central non lle transferise a Galicia os 700 millóns de euros que lle debe: entregas a conta, recadación do IVE e compensacións por cumprir cos obxectivos de déficit.
Rueda indicou que ninguén de Facenda se puxo en contacto coa Xunta e que "só sabemos o que di o señor Sánchez nos mitins".
"Que o pasen todo dunha vez e que non nos obriguen a ir aos tribunais e que non nos obriguen a estar en urxencia financeira. É o que estamos pedindo nós e todas as comunidades autónomas, tamén do PSOE, que non entenden este sainete e que van quedar tamén, polo menos a maioría, sen unha parte do que lles corresponde".
"Eu pediríalle ao señor Sánchez que por unha vez pense en España e no Partido Socialista e que non nos obrigue a ir aos tribunais, que estou seguro de que nos acabarían dando a razón, pero dentro de moito tempo e os cartos nós non os precisamos dentro de moito tempo, precisámolos agora. Son nosos. Temos que telos".