CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Diego Rodríguez: "A redución do imposto sobre a electricidade terá efectos inmediatos na factura da luz"

14/09/2021 - 09:13 h

O investigador asociado da Fundación de Estudos Aplicados, FEDEA, Diego Rodríguez, afirmou no'Galicia por diante' que, das medidas que anuncia o Goberno, a baixada do imposto sobre a electricidade é a que primeiro notaremos na factura. "A falta de coñecer a letra pequena da medida, a redución a unha décima parte do tipo actual é perfectamente compatible coas directrices que marca Bruxelas, e suporá un aforro para os usuarios a curto prazo. Ese imposto especial sobre a electricidade pagámolo entre todos e podemos comprobalo na factura".

O catedrático de Economía Aplicada da Universidade Complutense de Madrid falou tamén sobre as consecuencias que pode ter a fixación dun tope aos beneficios das eléctricas. "Hai que agardar a coñecer os detalles do acordo, pero minorar algúns dos beneficios extraordinarios que están tendo as eléctricas, non sabemos exactamente cales, pode resultar xuridicamente conflitivo. É unha medida que, por outra parte, repercutiría máis tarde nos petos dos consumidores. Aínda que se adopte pola vía máis rápida, o real decreto, tardaría como mínimo dous meses en traducirse nunha rebaixa da factura". "Vémolo co proxecto que se tramita no Congreso, e co que se pretende eliminar esa sobrertribución que reciben algunhas tecnolóxicas. Requírese a aprobación dun proxecto de lei. O feito de que ese custo non o paguen directamente os usuarios alonga o proceso de modificación da parte regulada da factura, a de cargos, que tamén require un certo tempo. Aínda que a medida que aprobe hoxe o Goberno sexa pola vía do decreto lei, requirirá unha tramitación posterior; así que non vai supoñer unha rebaixa inmediata para o consumidor".

O economista Diego Rodríguez explicou que, no tocante á parte impositiva, a marxe de manobra do Goberno para tentar frear a escalada de prezos da luz está practicamente esgotada. "A maneira máis simple de reducir a factura é tocar os impostos, pero estanse tocando todos os paus da baralla. O Goberno xa rebaixou o IVE. Aínda que se trate dunha medida provisional, suspendeuse un impacto que non reflicte a factura, pero pagámolo todos porque está no prezo das enerxías. Págano as compañías eléctricas, pero despois pásanolo a nós. Faltaba que tocasen o imposto especial sobre a electricidade que hoxe se agarda reciba o visto e prace do Consello de Ministros".

O investigador da Fundación de Estudos de Economía Aplicada afirmou no 'Galicia por diante' que ao Executivo só lle quedaría actuar sobre o custo que se deriva do que os usuarios pagamos de máis para que as illas Canarias e as Baleares, Ceuta e Melilla paguen o mesmo prezo ca nós. "É un mecanismo de solidariedade que supón un custo de mil millóns de euros. O 50% vai con cargo aos presupostos xerais do Estado e podería facerse o mesmo coa cantidade restante". "De calquera xeito, non hai ningunha medida que free por completo a escalada dos prezos da electricidade. A orixe do problema está no encarecemento do gas e no CO2, e iso non pode controlalo o Goberno".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia