CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Francisco Conde: "Se non hai un prezo eléctrico competitivo, non se atopará un comprador para Alcoa"

14/09/2021 - 08:19 h

O vicepresidente económico da Xunta e conselleiro de economía, empresa e innovación, Francisco Conde, amosa prudencia á hora de valorar o paquete de medidas que este martes aprobará o Goberno para rebaixar o prezo da luz e asegura que "en política enerxética o executivo demostra improvisación".

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Conde sinala que "o primeiro é ver a letra pequena dos acordos do Consello de Ministros porque este goberno, en materia de política enerxética tennos acostumados a titulares e unha cousa son os titulares e outra moi distinta os acordos adoptados dentro do Consello de Ministros. O máis grave é que estamos ante un goberno que non é capaz de se poñer de acordo, cos socios de goberno mantendo posicións diferentes, parece máis unha improvisación para dar unha resposta conxuntural que non unha resposta estrutural. Nós pedimos medidas fiscais e estruturais que dean estabilidade e que marquen un prezo competitivo para as familias e para o tecido produtivo".

O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación asegura que o encarecemento da luz é unha das causas que impiden e dificultan a venda da fábrica de Alcoa. Afirma que "nós o que lle trasladamos ao Goberno é que ten que establecer garantías para que desde o punto de vista eléctrico haxa un prezo estable e competitivo" e defende que os posibles compradores deben ter un "contexto certo desde o punto de vista enerxético. O prezo eléctrico vai a marcar a posición dos compradores". Ademais reclama a Alcoa que  "adopte as medidas para proceder á venda" e urxe tanto a dirección da empresa coma o executivo central a " impulsar e acelerar as conversas para chegar a un acordo".

Francisco Conde admite estar preocupado pola situación da planta de Stellantis en Vigo que decidiu suprimir de xeito temporal a quenda de fin de semana do sistema 2 pola falta de subministración de circuítos integrados. "É unha situación que esperamos sexa temporal. O que estamos a facer agora é establecer contactos permanentes coa fábrica de Stellantis e co resto do sector para ver como os podemos acompañar nesta situación".

O conselleiro de Industria cre que esta crise dos circuítos integrados demostra a necesidade de contar cunha fábrica de semicondutores en Galicia e ve nos fondos europeos Next Generation a oportunidade para financiar este tipo de proxectos que implican "toda a cadea de automoción". Con todo, Conde di que "hai incerteza porque non sabemos os criterios do Goberno central para o repartimento dos fondos e os sectores en que se vai concentrar este tipo de axudas".

Cuestionado polo futuro de Ence, Conde cre que o Goberno está pechado en banda e o único que fixo é "certificar o peche da planta sen dar alternativas". Insta o executivo central a buscar explorar "vías xurídicas" para que a pasteira poida continuar coa súa actividade en Lourizán.

O conselleiro de Economía celebra que o Estado e a Xunta inicien negociacións sobre a lei de cambio climático para estudar as concesións na liña de costa. "O que estamos pedindo son certezas e seguridade xurídica. Estendemos que hai oportunidade para rectificar un impacto que podería levar ao peche moitas fábricas en Galicia".

Sobre os proxectos eólicos con sede en Galicia, Conde di que "a Xunta tramita, pero só autoriza cando se cumpre criterios. O desenvolvemento do sector eólico en Galicia será ordenado".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia