CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Entrevista a Pedro Puy, voceiro parlamentario do PPdeG no Parlamento de Galicia

14/09/2018 - 08:38 h

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, asegura que as dimisións e polémicas dos últimos días sobre os estudos dos representantes políticos son consecuencia do xeito de facer política implantado por certos grupos. Lamenta que estas informacións estean apartando o foco do verdadeiramente importante.

 "Isto é o contaxio de certas formas de facer política. Entramos nunha dinámica en que se confunden certas cuestións. Unha vez que se abren estas cuestións, tenden a crecer e a sementar dúbidas. Deben solucionarse canto antes e centrarnos nos temas realmente importantes para o país".

Vincula esta situación co acontecido no concello da Coruña, onde unha funcionaria dimitiu polas irregularidades no concurso do Concello para a compra de dous pisos adquiridos para alugueiro social.

 "Houbo xente que chegou á política marcando un nivel de esixencia rechamante. Foron moi soberbios cando todos os grupos da oposición advertiron de que podería haber irregularidade nun contrato".

Sobre o cambio de postura do PSdeG para abrir unha comisión de investigación sobre a morte dun home no PAC da Estrada este verán, o voceiro lamenta que noutras administracións non poidan saír adiante este tipo de propostas sen a maioría absoluta. Refírese Puy ao Concello de Vigo, onde a maioría do grupo socialista evitou unha investigación sobre o accidente do Marisquiño. Con todo, asegura que o Parlamento é moi aberto e, tal e como contempla o regulamento, se o conxunto da oposición así o demanda investigarase o acontecido na Estrada.

"As comisións de investigación serven para coñecer a verdade e como mellorar os servizos. Se a oposición opina que hai que investigar este caso, nós trataremos de chegar a conclusións".

Ao preguntarlle pola remodelación do Goberno despois da decisión do conselleiro de Política Social de aspirar á alcadía de Ferrol, Pedro Puy asegura que confía plenamente nas decisións que adopte o presidente da Xunta neste aspecto.

"Acertou no pasado e confío en que o seguirá facendo".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí