CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Investidura complexa

14/06/2019 - 08:07 h

O que son as cousas da política! Cando se celebraron as eleccións xerais tiñamos dúas seguridades. Unha, que Pedro Sánchez non ía ter grandes problemas para a formación de Goberno. Non tiña nin ten moitos votos, 123 como Rajoy no 2015, pero tiña aliados abondos para ser investido na segunda votación. Ah!, pero chegaron as eleccións autonómicas e municipais e todo se complicou. Coalición Canaria dixo que, se Podemos entraba no Goberno, non votaría a Sánchez. Unión del Pueblo Navarro, outros dous escanos, dixo que, se o PSOE quería a presidencia da Comunidade Foral tendo moitos menos votos ca eles, non se lle podía pedir o voto nin a abstención para Sánchez. E o PNV, que sempre é a salvación, dixo antonte que aínda non era seguro o seu apoio. E así, descontando, descontando, apareceu a pantasma: Sánchez pode non ser investido. Alarma na Moncloa. Pánico no Partido Socialista. Haberá que repetir eleccións? Na Presidencia do Goberno empezaron a facer outras contas e repetir que tampouco era solución. Lembraron o exemplo de Rajoy: repetiuno 2016 e só sacou 14 escanos máis. Seguiu quedando en situación de debilidade, como se demostrou nos presupostos e na moción de censura. Para esa viaxe non fan falta tantas alforxas.

Así que houbo que mirar os separatistas. Pero non dixeramos que outra das vantaxes das eleccións de abril era que se podía botar a andar sen eles? Si, señor, iso se dixo, pero agora fan falta. Todo o dito sobre o independentismo, por fin fóra das grandes decisións, foise polo vaso do retrete. Onte xa se falou con Junts per Catalunya e con Esquerra Republicana. E Rufián dixo
que si, que non queren bloquear a investidura. Pero, claro, hai que aproveitar o estado de necesidade de Sánchez, e a mellor forma de aproveitalo é negociar. E que se pode negociar con Esquerra? Por parte deles, o avance da autodeterminación. E así volvemos ás andadas. Tráguense todas as palabras e búsquense xustificacións para non soster o que se sostiña.

A miña opinión, Sánchez pode negociar con Esquerra, pero que non nos vendan a burra: se hai que pactar cos separatistas, páctase, aínda que digan o contrario. E se o PSOE se quere fiar de Esquerra, que se fíe, pero que non esqueza dous detalles: Esquerra foi un dos partidos que lle botaron abaixo os Presupostos e precipitaron as eleccións. E foi o partido que tumbou a operación Iceta, e non puido ser senador nin presidente do Senado. En que se traduce isto? En que podemos ter investidura e podemos ter Goberno. Pero con Podemos dentro e con Esquerra na zona de apoio vai ser, benquerido Valiñas, un Goberno de moita debilidade. Un Goberno do que non se fía nin Deus.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí