CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Mobile cancelado

14/02/2020 - 07:38 h

Nos primeiros nos que pensei cando se empezou a falar de suspender ese congreso foi nos meus veciños de Pol que teñen conquistada Barcelona con restaurantes moi recomendables. Poden dicir aquilo que dicía Camba: “Hai anos en que un non está para nada”. E este ano é un deles. Primeiro, por aquelas noites de lume que non invitaban a ninguén a saír a cear. E agora, con isto do Mobile, que era a salvación do negocio en tempada baixa. Vaia para eles a mellor consideración.

E feita esta lembranza xusta, necesaria e obrigada aos paisanos dos que ninguén se acordará máis ca min, a suspensión do Mobile non sei se é unha desgraza, pero paréceselle moito. Non sei se antes de falar eu fixestes un reconto, Valiñas, pero é que ía levar a Barcelona máis de 100.000 persoas de todo o mundo. É que ía deixar un impacto de cincocentos millóns de euros. É que ía crear 14.000 postos de traballo, aínda que fosen temporais. É que suporá unha décima no xa decaído PIB español. É que priva a Barcelona dun escaparate mundial. E é que se trata dunha feira que presenta todos os avances en tecnoloxía. Grande oportunidade perdida por culpa do coronavirus.

Só por culpa do coronavirus? Dende logo non pola súa presenza en España, que España, toquemos madeira, está libre polo de agora. Supoño que será polo medo a que o traian as empresas chinesas ou xente que tivo contacto con chineses, e non hai xeito de garantir a seguridade con cen mil visitantes. O que pasa, sen querer caer nas teorías da conspiración, que xa as hai, é que hai un congreso moito máis pequeno, pero parecido, en Amsterdam, nos Países Baixos, e participan empresas das grandes que declinaron vir a Barcelona. E iso está a dar moito que falar. Onte mesmo dicíame un deputado europeo que no Europarlamento hai xente de 27 países que viaxa a eses países cada semana, e a ninguén se lle ocorreu extremar as medidas de seguridade.

Unha das cousas que tamén se dixeron ao longo do día foi que podiamos estar ante un castigo polo empeño do Goberno español en crear ese imposto novo que chaman “taxa Google”, que precisamente trata de facerlles pagar ás empresas do móbil e tecnolóxicas que acumulan beneficios en España. Persoalmente non o creo, pero tampouco descarto nada neste mundo, onde unha desas empresas ten máis poderío que moitos estados. O que si penso é que xurdirán aínda máis teorías, todas elas conspirativas. Non lles podemos facer caso. Máis que nada, benquerido Valiñas, para que non nos fagan caer en depresión.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí