Galicia por Diante
José Antonio Zan (Alcoa-San Cibrao): "Pedimos un marco estable e competitivo para as electrointensivas"
O comité de Alcoa San Cibrao espera que o Goberno aprobe no Consello de Ministros de hoxe ou do venres o estatuto para as empresas electrointensivas. O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, explicaba no 'Galicia por diante' que a fábrica sería viable cuns prezos eléctricos dentro da media dos da Unión Europea.
"Que cumpran co que prometeron e fixen un marco estable e competitivo. Tampouco pedimos que nos poñan un prezo tirado como o de Noruega ou O Canadá, senón parecido ao de Francia ou Alemaña", explica.
De feito, Zan afirma que a factoría sería viable cunha tarifa "de 35 a 40 euros por megawatt", cinco euros por riba do prezo de Francia. "Aínda así, seriamos competitivos", afirma, "pero tal como estamos, con 25 euros de diferenza, é inviable como fábrica".
Cos prezos actuais, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao afirma que "producir aluminio en Francia é 87 millóns de euros máis barato ao ano ca en España". A próxima xuntanza para analizar o futuro da empresa será o día 23, para o que esperan contar "cun estatuto que solucione os problemas aprobado xa", o que fai que "sería unha mesa moi agradable. Se non, imos ter un problema moi grave".