Galicia por Diante
Coalición
Un bo amigo común, ao que ti coñeces mellor ca min, mandoume onte unha mensaxe que dicía: "Como cambia o conto!". É o mellor comentario. Cambiou tanto o conto, que xa non é o mesmo. Hai pouco, ter os de Podemos no Goberno non deixaba durmir a Pedro Sánchez e o 95 por cento dos españois. Hoxe, polo menos un dos citados quere durmir na mesma cama e non lle importan os ronquidos. Ao 95 por cento restante quédalles o recurso de dicir o que dicía aquel banqueiro: "Eles teñen o Boletín Oficial do Estado".
Por que Sánchez pasou dese menosprezo de hai pouco á aperta que onte se deron e que mesmo parece o 'Abrazo de Vergara', con Espartero que lle di a Maroto: "Abrazádevos todos, meus fillos, como eu abrazo o xeneral que era o noso contrario!". Pois, porque a nacesidade obriga. Pedro Sánchez, viuse a mesma noite do domingo que non tiña para onde mirar. Pablo Casado dixéralle que non á gran coalición. O número dous de Casado dixo que con Sánchez non había nada que facer e tiña que marchar, e Sánchez, experto en supervivencia, non tivo a onde mirar, se quería seguir na presidencia, que é o que máis quere no mundo. Maroto, perdón, Iglesias tampouco quere outra cousa no mundo que ser vicepresidente e abríuselle o ceo cando foi chamado á Moncloa: "O que ti queiras, Pedro; perfecto, Pedro, vaiamos os dous xuntos, eu o primeiro, pola senda da coalición".
Esqueceron o pasado, arquivaron as diferenzas, enterraron as ofensas, intercambiaron as arras, e en sesenta minutos de reloxo acordaron algo que soa histórico: a primeira coalición do goberno español. Os números aínda non dan, fan falta moitas siglas, sete ou oito, para completar a maioría, pero todo se andará. Fixeron un par de folios de intencións, Iglesias volveu dicir "perfecto", e puxeron a andar o carro.
E o substancial: isto é bo ou é malo para España? Ten de bo que, se todo se completa, acábase o bloqueo. Ten de dubidoso a reacción da economía. As que non durmiron hoxe foron as empresas eléctricas, polo que Iglesias ten dito do prezo da luz. Tampouco os donos de vivendas de alugueiro, nin en xeral os ricos, pola manía que lles ten Iglesias. Veremos a ver como se comporta a Bolsa, que onte non parcía moi animada.
E do resto, se, como din, arranxan o de Cataluña, se fan un país máis xusto, e se conseguen o que prometen, que é garantir a igualdade de todos os españois, será un bo goberno, con dúbidas de se unha das vicepresidentas será Calvo ou Calviño.