CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Paulo Carril: "Hai unha actitude delituosa da Xunta e do Goberno á hora de non intervir o sector eléctrico"

13/10/2021 - 08:15 h

O reelixido secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que hoxe pasou polos micrófonos do Galicia por diante, pide medidas urxentes das administracións para frear o aumento dos prezos da luz, e máis en Galicia, di, excedentaria na produción eléctrica. Unha produción "que só serve para crear emprego noutros territorios".

"Ante unha ofensiva tan brutal como estamos a vivir, a implantación de renovables non significa que se abarate o prezo da luz en Galicia, nin que iso axude a crear emprego e industria. Entendemos que incluso hai unha actitude delitiva dos gobernos, tanto o galego como o español, á hora de non intervir o sector eléctrico".

A CIG reclama que os soldos e as pensións suban moi por riba do "2 ou do 2,5 por cento que están falando", especialmente porque os prezos están subindo con forza, cun prezo da electricidade "desorbitado". Insiste en esixir un salario mínimo de 1.150 euros mensuais, "como se tira da carta social europea", e tamén actualizar o IPREM.

"En relación cos empregados e empregadas públicas, nós toda medida que non pase por restituír os dereitos e a deterioración das condicións de traballo e de redución de persoal que se teñen levado adiante desde o ano 2008 parécenos que non satisfai as reclamacións desta restitución dos dereitos e de que poidamos ter uns bos servizos públicos. Os servizos públicos significan que estea o persoal e repostos os postos de traballo que foron eliminados ou que pola temporalidade e polas externalizacións non se están cubrindo e significa dignificar as condicións de traballo e retomar e restituír os dereitos que tiñan os empregados e empregadas públicas".

Carril insiste en desacreditar o diálogo social, por "nula utilidade" e por "deturpar a representación institucional". Recordou que a CIG levou ao Parlamento de Galicia e a outras institucións democráticas iniciativas sobre a tarifa eléctrica galega, a xestión do monte, os recursos hídricos, a reindustrialización, etc.

"A CIG levounas ao ámbito institucional, pero o que nos atopamos é que se baleiran de contido os ámbitos institucionais onde hai que debater estas cuestións e colócanse en foros que non teñen lexitimación democrática nin legal ningunha. Acabamos de velo agora no debate sobre o salario mínimo interprofesional. Agora remítesenos á CIG, como organización sindical máis representativa, que deamos opinión cando xa está substanciada esa negociación dunha forma, como dicimos, de acordo ó diálogo social. Polo tanto, nós o diálogo apostamos por el, pero o diálogo hai que dalo nos lugares en que xa existe realmente e non crear organismos que deturpan a representación institucional. En Galicia, estase demostrando como a través dos comités de expertos ou anulando o papel do CES ou do Consello Galego de Relacións Laborais, que era onde se deberan estar discutindo estas cuestións, pois non se fai. Nós apostamos polo diálogo institucional onde ten que darse".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia