CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Fabiola García avanza que nas próximas semanas presentarase o novo modelo de residencias da terceira idade

13/09/2021 - 08:16 h

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anuncia no 'Galicia por diante' que nas próximas semanas presentarase o novo modelo de residencias da terceira idade e sinala que "tras esta pandemia extraemos leccións que se aplican neste novo modelo de residencias para facelas máis seguras e máis avanzadas".

García sinala que o modelo baséase en tres piares:  "Unha maior colaboración sociosanitaria, que haxa liñas de acceso directo cos centros de atención sanitaria. Un segundo piar centrado na utilización das novas tecnoloxías e, un terceiro, para realizar melloras estruturais e arquitectónicas para que os xeriátricos teñan máis cuartos individuais, circuítos de entrada e de saída e unidades de convivencia máis reducidas".

Todos os xeriátricos que se constrúan rexeranse por este novo modelo, pero a conselleira de Política Social di que os centros actuais se deberán "adaptar". "Todo o sector residencial fixo un esforzo moi importante. Aprenderon o que se facía ben e mal e hai que mellorar e camiñar cara adiante. Cando o novo modelo se aprobe, haberá que ir aplicándoo e reconverter as residencias para que sexan máis seguras e avanzadas" sinala a conselleira.

Fabiola García valoraba a situación nos xeriátricos galegos con preto de medio cento de casos activos. Destaca que "son casos moi concretos e moi illados. Nas residencias respírase tranquilidade e normalidade" e lembra que se está "á espera de que as autoridades sanitarias nos digan algo sobre a terceira dose".

Considera que a vacinación marcou "un antes e un despois nos xeriátricos galegos" e destaca que nesta quinta onda "todas as persoas que pasaron a enfermidade fixérono case sen síntomas ou con algún tipo gripe". A conselleira lembrou que, a pesar de que os usuarios están vacinados coa pauta completa, mantéñense os cribados a traballadores e usuarios así como o uso da máscara e as medidas de hixiene.

A conselleira de Política Social explicou que en Galicia non se cambiou de posto de traballo a ningún empregado dos xeriátricos por non estar vacinado, unha proposta que se adoptou no Consello Interterritorial de Saúde entre Ministerio de Sanidade e comunidades. Destaca García que "estamos a ver cal é o regulamento porque unha cousa é o que se debe ou pode facer e outra que sexa aplicable desde o punto de vista legal". Con todo, asegura que na nosa comunidade "son poucas as persoas que non están vacinadas" e facía un chamamento aos que non están inmunizados para " protexerse e protexer as persoas coas que traballan e viven".

Cuestionada sobre o suceso acontecido no Carballiño, a conselleira de Política Social cualifícao de "suceso tráxico"  ao implicar dous menores de idade e indicou que a Xunta está á espera do que decidan as autoridades xudiciais.

Lamenta e condena Fabiola García sucesos violentos como o asasinato de Samuel Luiz, na Coruña, pero cre que son "casos illados" e que a mocidade galega está a ter un "comportamento exemplar" nesta pandemia.

Sobre o cento de afgáns que están en Galicia acollidos, García sinala que a administración galega e as entidades sociais traballan "sen descanso para a súa integración". Asegura que as familias están "contentas e tranquilas" e que os máis pequenos están xa escolarizados.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia