Galicia por Diante
Justo Sierra, presidente de ASIME, destaca a dificultade das empresas para contratar persoal cualificado e as súas consecuencias
O presidente da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia, Asime, Justo Sierra, basea o éxito de Mindtech, a feira do metal e as tecnoloxías que se celebrou esta semana en Vigo, na aposta pola innovación, os novos materiais e a intelixencia artificial.
Nunha entrevista no Galicia por diante, Justo Sierra valorou o elevado grao de satisfacción dos participantes na feira e confía en que nun breve prazo se traduza en contratos para o sector metalúrxico galego.
O presidente de Asime amosou a preocupación do sector pola posibilidade dunha desaceleración económica mundial. Insistiu en que a incerteza que xeran a guerra comercial entre os Estados Unidos e A China e o brexit non lles permite ás empresas traballaren nun escenario estable.
Durante a entrevista, Justo Sierra fixo especial fincapé nas dificultades das empresas do sector metalúrxico para atoparen persoal cualificado, o que deriva na perda de oportunidades para elas.
En relación con Vulcano, Sierra considera que a situación do histórico estaleiro, próximo ao peche, "é bastante difícil de reverter".