CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José González: "A base de Verín permitiranos ser moito máis efectivos na loita contra os incendios no sur de Galicia"

13/04/2021 - 08:17 h

A Xunta afirma que a futura base antiincendios de Verín, que se construirá para atender os incendios entre España e Portugal, nunha colaboración entre os dous estados, coa colaboración con Castela e León e Estremadura, servirá para loitar contra os incendios en todo o sur de Galicia. O conselleiro do Medio Rural, José González, dixo no 'Galicia por diante' que os avións poderían chegar rapidamente ata Tui.

"Temos moito interese en que se faga con rapidez. Desde esta base podemos atender todo o sur da provincia de Ourense de xeito moi rápido. Podemos entrar cos avións en Portugal e evitar precisamente que nos pasen eses incendios e chegamos dentro das isoplanas practicamente ata Tui. É unha base que nos vai permitir ser moito máis efectivos na loita contra os incendios forestais no sur de Galicia".

O conselleiro tamén explicou que a futura base ten que estar construída antes do 31 de decembro de 2022, xa que diso dependen os fondos europeos. A pista terá 1.200 metros de lonxitude e permitirá, di o conselleiro, que operen os grandes hidroavións que adoitan traballar en Galicia na temporada do verán. A capacidade da base, dixo no 'Galicia por diante' o conselleiro, será de seis avións de carga en terra e ata 4 helicópteros.

González tamén avanzou que a cooperación con Portugal vai máis aló desta base, xa que lle ofrece a Portugal os servizos de formación galegos.

"A formación vaise reforzar en Galicia co centro de loita integral contra os incendios forestais. Nestes momentos estamos iniciando as obras en Toén, no antigo hospital, que ten que ser un centro de referencia para afondar nesa formación dun servizo xa de por si extraordinario como o galego. Pero nós queremos que xunto coa formación dos bombeiros forestais galegos tamén se poidan utilizar as instalacións para facer esa formación conxunta de bombeiros incluso doutros países europeos. Así llo trasladamos onte ao representante da autoridade portuguesa que estivo na presentación".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia